A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, acompañou esta mañá ás integrantes da Asociación de Mulleres Rurais de Mos na emotiva inauguración do seu novo local, situado na Avenida de Sanguiñeda número 1.
A xornada, que tivo formato de portas abertas, serviu para compartir con toda a veciñanza a ilusión dun novo espazo que simboliza case tres décadas de compromiso, amizade e traballo colectivo. Actualmente, a asociación conta con preto de 150 socias e, no vindeiro ano, celebrará o seu 30º aniversario coa intención de seguir medrando.
Durante o encontro, no que tamén se ofreceu un aperitivo a media mañá, a alcaldesa felicitou ás Mulleres Rurais “polo seu papel esencial na dinamización social da muller do noso concello, e por manter vivo o espírito de colaboración e comunidade que as caracteriza dende hai tantos anos”.
O novo local converterase nun punto de encontro para o desenvolvemento diversas actividades formativas, de igualdade e de convivencia, reforzando o papel das Mulleres Rurais como motor de participación e cohesión en Mos.
Ademais, a asociación continúa a cumprir unha función fundamental: poñer en valor o papel da muller na sociedade, recoñecendo a súa contribución ao progreso, á igualdade e ao benestar común.