O Concello de Mos súmase á celebración do Mes da Ciencia en Galego nas Bibliotecas cunha proposta especialmente dirixida aos máis pequenos e pequenas: un obradoiro científico en galego, que terá lugar o sábado 15 de novembro ás 12:00 horas na Biblioteca Pública Municipal María Magdalena.
A actividade, titulada “Heroes para a ciencia”, convida a nenas e nenos de 3 a 8 anos a descubrir o fascinante mundo da ciencia a través do xogo, a curiosidade e a experimentación. Trátase dun obradoiro científico que combina diversión e aprendizaxe, promovendo o uso do galego tamén nos ámbitos da divulgación científica.
As inscricións poden realizarse chamando ao 986 33 80 80, e as prazas son limitadas, polo que se recomenda reservar con antelación.
Desde o Concello de Mos destácase a importancia de fomentar o interese pola ciencia desde idades temperás e de reivindicar o galego como lingua válida para o pensamento científico, contribuíndo así á normalización lingüística tamén neste ámbito.
“Porque a ciencia tamén se pensa, se crea e se soña na nosa lingua”, sinalan desde a Biblioteca María Magdalena, que invita a todas as familias a participar nesta aventura científica chea de imaxinación e coñecemento.



