HomeVigoMosO Concello de Mos clausura o Obradoiro Queda en Mos III no...

O Concello de Mos clausura o Obradoiro Queda en Mos III no marco do primeiro Foro de Emprego “Activamos-T”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos celebrou hoxe con gran éxito o seu primeiro Foro de Emprego, Activamos-T, que reuniu a uns 150 participantes. O encontro serviu tamén como acto de clausura do Obradoiro de Emprego Queda en Mos III, no que participaron 20 alumnos e alumnas das especialidades de carpintaría e marketing.

O foro contou coa colaboración da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa; a Consellería de Emprego, Comercio e Migración da Xunta de Galicia e Aemos, e coa presenza institucional de: Marta Mariño, Directora Xeral de Traballo Autónomo e Economía Social; Ana Ortiz, Delegada Territorial da Xunta en Vigo; José Manuel Fernández Alvariño, Vicepresidente Primeiro da Cámara de Comercio; José Ángel Rodríguez Fachado, Director Territorial de Emprego de Pontevedra; Luisa Sánchez, Vicepresidenta da Deputación de Pontevedra e o director Territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Álvarez.

Tamén asistiron representantes do tecido asociativo e empresarial local: Francisco Domínguez, presidente de Aemos; Carmen Soliño, presidenta de Acesmos; e membros da Asociación de BaresMos.

Clausura do Obradoiro Queda en Mos III

O evento foi tamén o escenario de peche do Obradoiro Queda en Mos III, impulsado pola Xunta de Galicia e organizado polo Concello de Mos. Os seus 20 alumnos, xunto co equipo directivo e docente, tiveron un papel clave na organización deste foro e ao longo do último ano colaboraron en numerosas actividades municipais como FormaMos, Queda en Mos, BaresMos e outros proxectos locais.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “estes obradoiros son unha oportunidade real para que persoas desempregadas se formen, adquiran novas habilidades e poidan incorporarse ao mercado laboral, ao tempo que contribúen co seu traballo ao servizo do noso concello”.

Arévalo agradeceu tamén á Xunta de Galicia “a confianza depositada ano tras ano en Mos para desenvolver este tipo de proxectos, que queremos que sigan tendo continuidade no futuro”.

Un foro para conectar talento e empresa

O Activamos-T naceu co obxectivo de conectar talento e empresas, ofrecendo oportunidades reais de contratación e crecemento profesional. Os asistentes participaron en obradoiros prácticos de comunicación e intelixencia artificial e mesas redondas con referentes empresariais:

Os Mitos do mercado: unha visión empresarial da realidade laboral, que contará coa participación da Cámara de Comercio e as empresas Gadisa, OPmobility e PMA.

As empresas responden: claves para comprender o teu futuro laboral, na que participarán a Asociación de Empresarios de Mos e as empresas Ganain, Leroy Merlin e Noribérica.

Os asistentes tiveron, ademais, a posibilidade de entregar directamente os seus currículos ás compañías presentes.

Mos, motor de emprego

Mos continúa a consolidarse como motor de emprego na provincia. En xuño rexistráronse 720 novos contratos, a cifra máis alta da última década, e o paro xuvenil reduciuse nun 48 % interanual, un dato que reflicte a oportunidade que representa o municipio para a mocidade.

“Mos é presente e tamén futuro: aquí hai oportunidades para todos e todas”, concluíu a alcaldesa.

Publicacións Relacionadas