A iniciativa busca fomentar a creatividade e os valores do Nadal entre os máis pequenos
O Concello de Mos, a través da Biblioteca Pública Municipal María Magdalena, presenta unha nova edición do Concurso de Postais de Nadal “O Espírito do Nadal”, unha proposta que pretende promover a creatividade, a participación e a expresión artística da rapazada do municipio durante unha das épocas máis especiais do ano.
O certame, destinado a nenas e nenos de 3 a 12 anos, invita os participantes a plasmar nunha postal o que significa para eles o Nadal, así como valores tan importantes como a solidariedade, a amizade, a paz ou a cooperación. As obras poderán entregarse ata o 19 de decembro nas instalacións da Biblioteca María Magdalena, en horario de 10:00 a 21:00 horas.
Técnica libre e mensaxe obrigatoria
As creacións poderán elaborarse con calquera técnica artística —lápices, ceras, rotuladores, colaxes, recortes ou fotografías, entre outras— e deberán incluír unha mensaxe de nadal redactada en galego ou castelán. O formato será dunha única cara, cun tamaño máximo A4.
O concurso establece tres categorías:
• Categoría I: de 3 a 5 anos
• Categoría II: de 6 a 8 anos
• Categoría III: de 9 a 12 anos
Todas as postais pasarán a formar parte dunha exposición pública, que poderá visitarse na Biblioteca do 22 de decembro ao 2 de xaneiro. Ademais, serán os propios participantes os que exercerán de xurado, emitindo o seu voto os días 29 e 30 de decembro, en horario de 09:30 a 14:30 horas.
As postais gañadoras —unha por cada categoría— recibirán un vale de compra e un diploma acreditativo, que se entregarán nun acto público con animación o venres 2 de xaneiro de 2026 na propia biblioteca.
Difusión e uso das obras
As bases completas do certame poden consultarse na páxina web oficial do Concello, nas redes sociais municipais e da biblioteca, así como en carteleiras e medios locais. As postais presentadas quedarán a disposición do Concello de Mos para o seu uso non lucrativo en accións de promoción cultural.
O Concello de Mos anima a todas as familias a participar nesta iniciativa que combina educación, creatividade e espírito de nadal, contribuíndo a que as crianzas se convertan nas verdadeiras protagonistas do Nadal.



