O Concello de Mos vén de manter unha nova reunión técnica co Ministerio de Fomento para concretar as alternativas de tráfico necesarias durante a reparación da ODT (Obra de Drenaxe Transversal) situada á altura do cruzamento da vía de servizo coa estrada coñecida como Camiño da Levantada.
Como xa se informara, esta infraestrutura, que canaliza as augas pluviais procedentes da autoestrada, presenta un afundimento e obstrución importantes que fan imprescindible acometer obras de reparación urxente.
Nesta nova xuntanza analizáronse en detalle as diferentes opcións e finalmente acordouse que o corte da vía de servizo, previsto a partir de outubro, sexa só en horario nocturno, entre as 23.00 e as 7.00 horas, co obxectivo de minimizar as molestias ao tráfico local e reducir o impacto nas recentemente inauguradas obras de humanización de San Eleuterio.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que asistiu á reunión acompañada do concelleiro Camilo Grandal, destacou que “a prioridade é garantir a seguridade da veciñanza e dos usuarios da estrada, ao tempo que se procura que a obra sexa o menos gravosa posible para a mobilidade da contorna”.
Os técnicos municipais e de Fomento están a traballar xa na planificación do dispositivo de tráfico e sinalización que se activará durante as noites nas que se leven a cabo os traballos.
Desde o Concello de Mos faise un chamamento á colaboración cidadá e manterase á veciñanza puntualmente informada sobre o calendario e a evolución das obras.