Esta mañá tivo lugar unha reunión técnica entre representantes do Concello de Mos e do Ministerio de Fomento para analizar as actuacións necesarias na reparación dunha ODT (Obra de Drenaxe Transversal) situada á altura do cruzamento da vía de servizo coa estrada coñecida como Camiño da Levantada.
A infraestrutura, que recolle as augas pluviais procedentes da autoestrada, presenta un importante afundimento e obstrución, polo que é preciso acometer obras de reparación urxente.
As actuacións previstas contemplan a renovación das canalizacións de pluviais, ampliando a sección actual para garantir un mellor funcionamento do sistema de drenaxe. A obra poderá executarse sen afectar ao trazado principal da A-55, mais será necesario o corte provisional da vía de servizo na zona afectada.
A alcaldesa e Mos, Nidia Arévalo, que asistiu á reunión con Fomento acompañada dos concelleiros José Ramilo, Leo Costas e Camilo Grandal, trasladoulles a súa preocupación pola afección ao tráfico local e, especialmente, polo posible impacto nas recentemente inauguradas obras de humanización de San Eleuterio. Por iso, na reunión analizáronse distintas alternativas para minimizar as molestias á veciñanza e garantir a seguridade de todos os usuarios.
Técnicos municipais, que tamén asistiron á reunión, e de Fomento están a traballar na planificación dunha solución que permita compatibilizar a execución da obra coa mobilidade da contorna, procurando que a actuación sexa o menos gravosa posible para a cidadanía.
Desde o Concello de Mos seguirase informando puntualmente da evolución deste proxecto e das medidas que se adopten para garantir a súa correcta execución.