O Concello de Mos impulsa a remodelación integral da contorna da Igrexa de Santa María de Guizán

adminON
Lectura mínima de 2

O Concello de Mos presentou onte ante as asociacións da parroquia de Guizán o ambicioso proxecto de remodelación da contorna da Igrexa de Santa María de Guizán, cun ámbito de actuación de 2.448 m² que inclúe o atrio da igrexa, a plataforma contigua, o vial de acceso Camiño do Pazo e parte da parcela parroquial. O obxectivo principal é mellorar a accesibilidade, ordenar o espazo e poñer en valor un dos enclaves patrimoniais máis significativos da zona.

O arquitecto José Luis Quintela Porro, que estivo acompañado pola alcaldesa Nidia Arévalo, a concelleira Julia Loureiro e o arquitecto municipal Ramón Vega, explicoulle á veciñanza as actuacións previstas, nas que destaca a substitución da pavimentación existente por pedra de granito moreno en distintos formatos, que dotará ao lugar dunha maior integración estética e durabilidade. Ademais, contemplase a renovación da totalidade das instalacións urbanas, o soterramento do cableado aéreo, a implantación dunha nova rede de iluminación pública, así como a instalación de saneamento e abastecemento actualizada.

O proxecto tamén inclúe a dotación de mobiliario urbano, arborada e nova vexetación, co fin de crear un espazo máis amable e integrado coa contorna natural e patrimonial. Así mesmo, a ampliación do ancho do vial permitirá habilitar unha nova zona de estacionamento, mellorando a mobilidade e a seguridade viaria.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou que “con esta intervención non só melloramos un espazo de uso veciñal e parroquial, senón que tamén poñemos en valor o patrimonio histórico e cultural de Guizán, dotando á contorna da igrexa dunha nova imaxe máis accesible, segura e acorde co que merece este lugar emblemático”.

Comparte este artigo