O Concello de Mos impulsa oportunidades laborais co seu primeiro Foro de Emprego Activamos-T

adminON
Lectura mínima de 3

O Concello de Mos, a través da concellería de Emprego e Formación que dirixe Julia Loureiro Campo, organiza o próximo 11 de setembro no Pazo de Mos, o seu primeiro foro de emprego “Activamos-T”, unha iniciativa pioneira que busca dinamizar o tecido económico local e abrir novas oportunidades profesionais á veciñanza.

Este encontro, que se desenvolverá de 9:30 a 14:00 horas, pretende fomentar a contratación de proximidade, reducir a fuga de talento e conectar os perfís profesionais coas necesidades reais do mercado laboral, ofrecendo información directa das empresas participantes sobre os requisitos, aptitudes e competencias máis demandadas.

“Con este foro queremos abrir portas e ofrecer oportunidades reais de futuro á nosa xente. Os datos de emprego demostran que Mos é un motor económico en crecemento, pero o máis importante é que detrás de cada contrato hai unha persoa que gaña en estabilidade e esperanza”, apunta a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo. “Ese é o noso compromiso: construír un Mos con máis emprego, máis talento e máis futuro”.

Programa de actividades

O foro combinará espazos formativos e de debate con presenza empresarial:

– Obradoiros prácticos

Comunicar para medrar profesionalmente (habilidades sociais e de comunicación).

Domina a IA para mellorar a túa empregabilidade (intelixencia artificial aplicada á procura de emprego).

– Mesas redondas

Os mitos do mercado: unha visión empresarial da realidade laboral, coa participación da Cámara de Comercio e as empresas Gadisa, OPmobility e PMA.

As empresas responden: claves para comprender o teu futuro laboral, coa colaboración da Asociación de Empresarios de Mos e as compañías Ganain, Leroy Merlin e Noribérica.

O foro reunirá empresas e entidades de sectores estratéxicos como automoción, alimentación, téxtil ou robótica, garantindo unha ampla visión da oferta laboral. Ademais, as persoas asistentes poderán entregar o seu CV nos expositores das empresas colaboradoras, facilitando o contacto directo coas responsables de selección.

A participación no foro require inscrición previa a través da web municipal:

👉 mos.es/foro-de-emprego-activamos-t

No foro colaboran a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia e Aemos  (Asociación de Empresarios de Mos).

Mos, motor de oportunidades

Con este evento, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso co desenvolvemento profesional e a empregabilidade da súa veciñanza, consolidándose como un motor de oportunidades laborais e de atracción de talento grazas á súa situación estratéxica no eixo atlántico.

Ademais, os últimos datos de emprego avalan esta estratexia: en xuño de 2025 rexistráronse en Mos 720 novos contratos (+22,66 % respecto a maio e +15,38 % interanual), alcanzando a cifra de paro máis baixa da última década (595 persoas). Son cifras que, sen lugar dúbidas, consolidan a Mos como referente provincial na creación de emprego e atracción de talento novo.

Comparte este artigo