HomeVigoMosO Concello de Mos leva a música do Nadal ás parroquias co...

O Concello de Mos leva a música do Nadal ás parroquias co ciclo “Panxoliñas nas igrexas”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos organiza durante este mes de decembro o ciclo “Panxoliñas nas igrexas”, unha iniciativa cultural que enche de música e tradición os templos das distintas parroquias do municipio coincidindo co Nadal.

Este programa conta coa participación de corais e grupos de canto popular do concello, que achegan á veciñanza un repertorio de panxoliñas e cancións tradicionais, mantendo viva unha das expresións culturais máis arraigadas destas datas e favorecendo, ao mesmo tempo, a convivencia e o encontro interxeracional.

As actuacións desenvolveranse ao longo dos días 20, 21 e 28 de decembro en diferentes igrexas de Mos, permitindo que a música chegue a practicamente todo o territorio municipal. Entre os grupos participantes atópanse o Grupo de Canto Popular Amieiro de Chan do Bosque, o Grupo de Canto Popular Nosa Terra de Pereiras, o Coro Show de Guizán, o Coro Galego Abrente, a Coral Círculo Cultural Santa Eulalia, a Coral O Son dos Cantares, o Coro Asomamos e a Coral Ventos do Val.

Desde o Concello de Mos destácase a importancia de impulsar iniciativas que poñan en valor o tecido cultural local, reforcen as tradicións e contribúan a crear ambiente de Nadal nas parroquias, convidando á cidadanía a participar e gozar destas actuacións musicais.

Publicacións Relacionadas