O Concello de Mos continúa a promover o contacto coa natureza e a posta en valor do territorio a través de dúas novas propostas do programa “Conectamos coa natureza”, organizadas pola Concellería de Medio Ambiente.
A actividade principal terá lugar o xoves 24 de xullo, cunha andaina nocturna de observación do ceo no Monte de Louredo. A saída será ás 21:00 horas desde a aldea de Alfacuca, cunha subida de aproximadamente 45 minutos ata o Alto de Focos, a 462 metros de altitude, onde se realizará unha sesión guiada de observación astronómica.
A xornada estará conducida por Javier Fernández Carreiro, médico e secretario da Comunidade de Montes de Louredo, gran coñecedor do territorio e afeccionado á astronomía. A actividade inclúe a observación do solpor, explicacións sobre os movementos celestes, identificación de constelacións, estrelas significativas e, se as condicións o permiten, tamén da Vía Láctea.
O percorrido de ida e volta será de 8 quilómetros por pistas forestais e o regreso está previsto entre a 1:00 e as 2:00 da madrugada. A dificultade da ruta é media e recoméndase acudir con calzado axeitado, roupa de abrigo, esteira, lanterna, algo de alimento e auga e, se se considera necesario, bastón de sendeirismo.
En caso de ceo cuberto ou falta de visibilidade a actividade será suspendida e informarase ás persoas inscritas.
Para participar na actividade é preciso inscribirse en www.mos.es/andainas-medioambiente.
Como anticipo a esta actividade nocturna, este domingo 20 de xullo, celebrarase tamén unha andaina polos ríos Senlle e Perral, cun percorrido circular de 8 quilómetros polas parroquias de Sanguiñeda, Petelos e Torroso. A saída será ás 9:00 horas, desde o torreiro da Igrexa de Sanguiñeda, establecendo as 8:45 como hora de encontro.
A ruta está pensada para todos os públicos, con dificultade media-baixa e duración aproximada de dúas horas. Permítese a participación con cans, que deberán ir atados nos tramos pavimentados.
Con estas dúas propostas, o Concello de Mos continúa a súa aposta por un lecer sostible e educativo, favorecendo o coñecemento do medio natural e a participación activa da veciñanza.