HomeVigoMosO Concello de Mos organiza unha andaina polo Monte Salgueirón aberta a...

O Concello de Mos organiza unha andaina polo Monte Salgueirón aberta a todos os públicos

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos, a través da Concellería de Medio Ambiente, promove unha nova actividade ao aire libre co obxectivo de fomentar hábitos saudables e a concienciación ambiental entre a veciñanza. Trátase dunha andaina polo Monte Salgueirón (subida ás Barandas), que terá lugar o vindeiro domingo 12 de abril.

A ruta, de carácter circular, terá unha distancia aproximada de 5,5 quilómetros e unha duración estimada de entre dúas horas e media e tres. A dificultade está cualificada como intermedia. A saída realizarase desde o emprazamento da Festa da Prehistoria, na parroquia de Santa Eulalia de Mos.

O percorrido ascende inicialmente cara ao monte para enlazar coas pistas forestais, continuando en dirección leste. Tras un primeiro treito de subida, atravesa o coñecido “Bosque Encantado”. Posteriormente, a ruta discorre por unha carballeira que conduce ata As Barandas, formación rochosa con covas e recunchos naturais. Na baixada, o itinerario pasa pola parte inferior dunha antiga canteira antes de regresar ao punto de inicio.

Entre os elementos de interese do percorrido destacan o Bosque Encantado, As Barandas e os montes en man común da parroquia de Mos, así como a presenza de distintas especies de flora e fauna propias da zona.

Desde a organización recoméndase levar roupa e calzado adecuados para sendeirismo, así como auga suficiente, e respectar o medio natural durante todo o percorrido.

Porco ao espeto

Para completar a xornada os participantes na andaina e todo aquel que o desexe pode achegarse ata o Pazo de Mos, onde se organiza a celebración do “Porco ao Espeto”, a partir das 12.00 horas, con concertos en sesión vermú e outras actividades complementarias como sorteos de agasallos.

Publicacións Relacionadas