HomeVigoMosO Concello de Mos presenta as 11 propostas finalistas do proceso de...

O Concello de Mos presenta as 11 propostas finalistas do proceso de Orzamentos Participativos “Mos Decide”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos continúa avanzando no seu proceso pioneiro de participación cidadá “Mos Decide”, a través do cal a veciñanza pode propoñer e decidir directamente o destino dunha parte dos recursos municipais que se incorporarán aos orzamentos de 2026.

Trala fase de análise e valoración técnica, foron declaradas válidas 674 propostas, das cales se agruparon en 115 diferentes, e finalmente 11 iniciativas resultaron aprobadas para pasar á fase de votación cidadá, que estará aberta mañá a partir das 14.00 horas.

O proceso conta cunha partida total de 200.000 euros, que se destinará ás propostas que obteñan o maior número de apoios ata acadar a citada contía.

Fase de análise e valoración técnica

Durante a fase de análise, o comité técnico avaliou todas as propostas presentadas en base a criterios obxectivos de viabilidade técnica, legal e económica, así como á súa competencia municipal directa.

Foron descartadas aquelas propostas que excedían o orzamento máximo establecido, que non se axustaban ás competencias do Concello de Mos, ou que xa estaban incluídas noutros plans ou proxectos municipais en execución.

Tamén quedaron fóra aquelas iniciativas duplicadas, incompletas ou inviables por razóns urbanísticas, de titularidade de terreos ou de seguridade.

Deste xeito, o proceso garante a transparencia, equidade e obxectividade, asegurando que todas as propostas sometidas á votación final cumpren cos requisitos fixados nas bases de “Mos Decide”.

Fase de votación aberta ata o 14 de novembro

As veciñas e veciños maiores de 16 anos e empadroados en Mos poden participar escollendo ata tres propostas entre as finalistas.

A votación é telemática, dispoñible a través da web municipal www.mos.es, e tamén de xeito asistido nos seguintes puntos municipais: Casa do Concello, Biblioteca Pública Municipal María Magdalena, Centro de Desenvolvemento Local (CDL) e Piscina Municipal. O horario de votación é de mañá en todos os puntos e tamén pola tarde na Biblioteca e na Piscina Municipal.

Cada persoa deberá identificarse co DNI e a data de nacemento, e só poderá emitir un voto por proceso.

Propostas finalistas de “Mos Decide”

1. Mellora no campo de fútbol de Louredo: Mellora integral do campo de fútbol municipal. (200.000 €)

2. Aparcamento público na contorna do Pazo de Mos, Parque de A Pesqueira e Paseo do Louro: Creación dun espazo de aparcamento público nunha zona de gran afluencia. (200.000 €)

3. Mellora da seguridade e humanización dende a Capela San Amaro ata Arrubial:  Humanización e mellora da seguridade viaria e peonil. (200.000 €)

4. Iluminación do Paseo do Louro: Instalación de puntos de luz de carga solar con sensor de movemento. (100.000 €)

5. Parque canino: Creación dun recinto pechado para cans en contorna urbana. (100.000 €)

6. Cubrición da pista de pádel municipal: Instalación de cuberta para uso todo o ano. (40.000 €)

7. Mellora da contorna da Igrexa de Guizán: Roposición e reparación das lousas de pedra do adro da igrexa, mellora de accesos e accesibilidade. (200.000 €)

8. Acondicionamento do exterior do Local de San Franco: Mellora da parcela exterior do local. (120.000 €)

9. 1ª fase do proxecto Costoias (Tameiga): Primeira fase dun novo local no parque de Costoias. (200.000 €)

10. Mellora do torreiro exterior da Igrexa de Cela: Acondicionamento e mellora do espazo exterior. (200.000 €)

11. Compra de terreos e consolidación do Castro de Torroso: Adquisición de terreos e consolidación dos xa adquiridos polo Concello. (80.000 €)

A alcaldesa Nidia Arévalo destaca que “a ampla participación e a calidade das propostas presentadas amosan unha veciñanza implicada e comprometida co futuro de Mos. ‘Mos Decide’ é moito máis ca un proceso, é unha nova forma de gobernar xuntos e con transparencia”, engade. A rexedora tamén quixo felicitar a toda a veciñanza pola elevada implicación no proceso e agradece “todas as propostas realizadas, non só as finalistas”.

Publicacións Relacionadas