A concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, está a visitar estes días as distintas parroquias do Concello de Mos para explicar en primeira persoa o funcionamento do novo programa municipal ‘XantaMos’, resolver dúbidas e achegar a información directamente ás persoas maiores e ás súas familias. Trátase dunha iniciativa pioneira que reforza a proximidade, a atención comunitaria e o acceso a un servizo de alimentación saudable no fogar.
‘XantaMos’ é un innovador programa de comida caseira a domicilio pensado para facilitar o día a día das persoas maiores e de quen precise apoio na organización das súas comidas, sen renunciar ao sabor nin á calidade da cociña tradicional.
O servizo permite recibir na casa menús elaborados por nutricionistas, adaptados ás necesidades e dietas de cada persoa. As receitas están preparadas coas mellores materias primas da nosa terra, con máis dun 90% de provedores galegos, e chegan listas para comer, sen conxelar, precisando só dous minutos no microondas.
A entrega realízase unha vez por semana directamente no domicilio. O prezo é dende só 7 euros por menú —inclúe primeiro e segundo prato— e incorpora un equipo de atención continuada para garantir a excelencia e o benestar das persoas usuarias.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destaca que “XantaMos” é un programa pioneiro en Mos que combina saúde, tradición e innovación social, ofrecendo unha solución práctica e accesible para que as persoas maiores poidan seguir gozando da súa vida no fogar con seguridade e benestar”.
As persoas interesadas poden informarse gratuitamente chamando ao teléfono 986 33 72 78.
O servizo ‘XantaMos’ é posible grazas á colaboración entre o Concello de Mos e Culinaria, empresa galega especializada na alimentación saudable e na atención a persoas maiores.

