O Concello de Mos celebrou este sábado un emotivo acto de homenaxe á deportista mosense Patricia Martínez, recentemente proclamada en San Marino campioa do mundo CSIT Adult Master Rising Star Standard, acto que se celebrou no Pavillón Municipal Patricia Martínez, que leva o seu nome.
O evento reuniu a familiares, amizades, alumnado e representantes do deporte mosense, que quixeron acompañala nun día tan especial. O acto contou coa intervención dun dos seus primeiros pupilos, así como dos pais de Patricia e da súa parella, que compartiron palabras cheas de emoción e orgullo. Ademais, proxectouse un vídeo enviado desde Italia polo seu compañeiro e adestrador, Jacopo Casotto, con quen Patricia comparte traxectoria internacional e numerosos éxitos deportivos.
Durante a homenaxe, a alcaldesa Nidia Arévalo fixo entrega a Patricia de varios agasallos institucionais, entre eles un roller conmemorativo coa súa imaxe, a Rosa de Mos e o Pin de Ouro de Mos, máxima distinción municipal, como símbolo do recoñecemento e gratitude da súa terra natal.
Na súa intervención, a rexedora destacou que “Patricia é unha embaixadora excepcional do noso concello, un exemplo de esforzo, constancia e paixón, e un orgullo para toda a veciñanza”.
O acto combinou música, baile e moita emoción, converténdose nunha auténtica celebración do talento, da dedicación e da traxectoria dunha muller que levou o nome de Mos por todo o mundo.
Patricia Martínez iniciou a súa carreira en 1998 no Círculo Santa Eulalia de Mos, e xa axiña comezou a competir, pasando ao Club Pasos de Vigo. En 2008, pouco despois de gañar o seu primeiro Campionato de España, consolidou a súa traxectoria profesional e comezou a adestrar en Italia, no Team Diablo, un dos maiores centros internacionais de baile deportivo. Desde entón, viaxa unha semana ao mes para continuar perfeccionando o seu traballo cos seus adestradores estranxeiros.
Ao longo da súa carreira, Patricia acumula 19 títulos de campioa de España —14 en categoría amateur e 5 en profesional—, repartidos nas modalidades de Standard, Latinos e Dez Bailes (combinada das dúas anteriores).
No ámbito internacional, xunto ao seu compañeiro Jacopo Casotto, conseguiu tres bronces nos Campionatos do Mundo de Dez Bailes e unha semifinal nos World Games celebrados en Forlì (Italia).
O pasado mes de outubro logrou o título de campioa do mundo CSIT Adult Master Rising Star Standard en San Marino, e poucos días antes, en Canadá, obtivera o bronce no Campionato do Mundo Show Dance Standard e o 6º posto na Copa do Mundo.
Un dos momentos máis especiais, segundo confesou, foi “escoitar o himno de España no podio, algo que soñaba desde hai moitos anos”.



