HomeVigoMosO Concello de Mos rexistra 807 propostas veciñais para os Orzamentos Participativos...

O Concello de Mos rexistra 807 propostas veciñais para os Orzamentos Participativos de “Mos Decide”

- Anuncio -spot_img

O Concello de Mos deu hoxe un novo paso no seu proceso pioneiro de participación cidadá “Mos Decide”, coa apertura oficial das urnas para a fase de votación. Trátase da primeira experiencia de orzamentos participativos posta en marcha no municipio, na que a veciñanza pode propoñer e decidir directamente o destino dunha parte dos recursos municipais de 2026.

O proceso está dotado cunha partida total de 200.000 euros, e seleccionaranse as propostas que logren o maior número de apoios ata acadar esa contía.

Durante a fase de presentación de propostas, desenvolvida entre o 6 e o 20 de outubro, recolléronse un total de 807 iniciativas cidadás, das cales 509 foron depositadas en urna —situadas no Concello, a Piscina Municipal Óscar Pereiro, Biblioteca Pública Municipal María Magdalena e Centro de Desenvolvemento Local (CDL)— e 298 a través da plataforma online dispoñible na web municipal www.mos.es.

Análise e valoración técnica

O proceso continúa agora coa análise e validación técnica das propostas, que se desenvolverá entre o 21 de outubro e o 3 de novembro de 2025.

Durante este período, un comité formado por técnicos de diferentes departamentos municipais analizará e validará as propostas recibidas para comprobar de forma obxectiva que cumpren cos requisitos establecidos e que son viables técnica, económica e legalmente.

Unha vez rematado este traballo, o Concello publicará o listado definitivo de propostas válidas que pasarán á seguinte fase: a votación cidadá, que se celebrará entre o 4 e o 14 de novembro de 2025.

As propostas máis votadas serán as gañadoras e incorporaranse por orde de apoios ata esgotar o orzamento dispoñible, sempre que sexan viables técnica e economicamente.

Posteriormente, publicarase e presentarase o listado de proxectos gañadores, que se integrarán nos Orzamentos Municipais de 2026, iniciándose así o proceso de planificación, execución e seguimento de cada actuación, completando deste modo o ciclo participativo de “Mos Decide”.

Publicacións Relacionadas