O Concello de Mos continúa traballando intensamente para garantir o éxito da chegada de La Vuelta Ciclista a España, que celebrará o final da súa etapa 16ª no municipio o próximo 9 de setembro.
Esta semana mantívose unha reunión de coordinación coa Asociación de Veciños de Herville, representantes do centro cultural e da comisión de festas da parroquia, co obxectivo de avanzar nos preparativos e reforzar a colaboración veciñal nun evento deportivo de proxección internacional.
Durante o encontro tratáronse cuestións organizativas clave, así como a supervisión das melloras e acondicionamento de diferentes puntos da contorna que acollerá, unha vez máis, o final de etapa da prestixiosa proba ciclista, co obxectivo de acondicionar os espazos públicos e garantir unha imaxe renovada e funcional. Estas actuacións contan co apoio da Xunta de Galicia, nunha clara aposta pola colaboración institucional e polo legado que deixará La Vuelta no territorio.
O Concello de Mos tamén está a acometer a posta a punto e a sinalización do percorrido dentro do municipio, co fin de garantir a seguridade da proba e ofrecer a mellor experiencia tanto aos equipos ciclistas como ao público asistente.
A etapa 16 de La Vuelta atravesará diversos puntos do termo municipal de Mos, que xa se están a sinalizar e preparar para garantir a seguridade e o correcto desenvolvemento da proba ciclista. Os puntos de paso dentro do concello serán os seguintes:
Estrada PO-331 dirección Gondomar–O Porriño (Atín–A Florida), Camiño dos Santos Reis, Camiño de Campo de Eiró, Camiño Fonte da Proba, Camiño da Mouta, Camiño de Soutelo, Camiño de Pazos, Camiño da Cruz, Rúa Alcalde Olegario Rodríguez Pérez, Estrada Generoso Domínguez, PO-331 (Alto de San Cosme), Estrada a Tui, Camiño do Salgueiro, Subida a O Castro de Herville.
Parque Vuelta
Por outra banda, tralas últimas reunións mantidas cos técnicos da organización de La Vuelta, acordouse instalar o “Parque Vuelta” na Avenida de Sanguiñeda. Este espazo abrirá as súas portas ao público entre as 16:30 e as 21:00 horas, e ofrecerá actividades lúdicas para todas as idades, obradoiros e animación infantil, ademais da retransmisión en directo da etapa, converténdose nun punto de encontro para familias, afeccionadas e afeccionados ao ciclismo.
O Concello de Mos convida a toda a veciñanza a participar activamente nesta xornada histórica, a gozar do espectáculo deportivo e a compartir con orgullo a proxección que a Vuelta lle dará ao noso municipio.

