Como xa é tradición, Peter Punk protagonizará un espectáculo familiar e despois o Concello ofrecerá unha chocolatada no Auditorio, onde haberá un fotomatón e música ambiente
A programación cultural de Nadal arranca esta mesma fin de semana con cine e concerto de corais e se sucederá ata reis con máis cine, eventos musicais, teatrais e mesmo deportivos
O Concello de Nigrán inaugura oficialmente o Nadal este venres 5 de decembro co tradicional acto de acendido do alumeado. Como xa é costume, Peter Punk protagonizará a partir das 18:00 horas no Auditorio Municipal un espectáculo familiar para proceder ás 19:00 horas, coa axuda de usuarios do Centro Juan María, a acender o alumeado. Despois, o Concello ofrecerá unha chocolatada a todos os asistentes que, previsiblemente, ante a gran posibilidade de choiva, será no propio Auditorio, onde se instalará un fotomatón gratuito con temática de Nadal e soará música ambiente a cargo do DJ Chimo Cabreira.
A partir aí, e ata o día de Reis coa popular cabalgata, sucederase a programación festiva programada para todo tipo de públicos e gustos: baile, teatro, concertos, eventos deportivos, moito cine familiar… Todo polo míudo está pendurado na web do Concello de Nigrán no apartado ‘Próximos Eventos’ https://www.nigran.es/agenda/
Os cines municipais da Ramallosa serán desde este mesmo fin de semana protagonistas do Nadal máis familiar, comezando este mesmo sábado 6 de decembro con ‘Pesadilla antes de navidad’, o 13 con ‘El Grinch’, o 20 con ‘Solo en casa’, o 27 con ‘Polar express’ e, finalmente, o 3 de xaneiro con ‘Arthur Christmas’. Como todas as proxeccións infantís neste espazo público, son gratis mediante retirada de invitación na propia taquilla desde unha hora antes do comezo e ata esgotarse o aforo. A maiores, o Concello ofrece o xoves 11 de decembro ‘Plácido’ e o 18 ‘¡Qué bello es vivir!’.
As corais e a música serán outro eixo deste Nadal con concerto tamén o sábado 6 a partir das 19:30 horas no Auditorio Municipal a cargo da ‘Coral Polifónica Novos Aires de Nigrán’, ‘Coro Ecos do Castelo’ e ‘Os Vagalumes’ de Chandebrito. Como todos os anos, as rondallas serán protagonistas cun acto especial o sábado 27 na Ramallosa e o tradicional baile de Nadal será o 21 no Auditorio Municipal. Como novidade, ofreceranse obradoiros de cociña para os pequenos da casa o 22 e 23 de decembro e o día 27 organizarase unha carreira solidaria a favor do Banco Municipal de Alimentos coa colaboración da ANPA do CEIP Humberto Juanes. Dentro da programación destaca tamén o monologuista Avelino González o vindeiro venres 13 ou o sábado 20 Tanxarina cun espectáculo no Auditorio Municipal.
Co Mercado de inverno ‘Bule Bule’ do 19 ao 21 de decembro na Praza do Concello ofreceranse paralelamente diferentes actuacións que se anunciarán próximamente e o Concello, en colaboración co ‘C.C.R. O Torreiro’ de Priegue ofrecerá alí varias actuacións. Todo se pendurará na web municipal, onde se actualizará ao momento calquera cambio.



