O custe é de 110 € por persoa e inclúe transporte, hotel de 4 estrelas con cea e almorzo, guía, seguro… Teñen prioridade os empadroados en Nigrán
O Concello de Nigrán ofrece unha excursión de dous días, o venres 15 e o sábado 16 de marzo, para percorrer camiñando os 17 km do ‘Camiño do Ferro’ en Salamanca e visitar esta cidade, unha iniciativa que se repite ante o éxito da primeira o ano pasado. Está dirixida prioritariamente á veciñanza empadroada no municipio, cun custe de 110 euros por persoa (suplemento de 30 € para habitación individual) que inclúe transporte, hotel de 4 estrelas con cea e almorzo, guía, seguro… A inscrición é este mércores e xoves, 6 e 7 de marzo, de 9:00 a 13:00 horas na Oficina de Turismo de Nigrán (Gaifar).
As persoas que se anoten deben estar en boa forma física para afrontar un percorrido de 17 quilómetros a pé e aproximadamente 5 horas de duración, que transcorre por un tramo de liña férrea pechada ao tráfico e acondicionada para o sendeirismo, atravesando diferentes túneles e pontes, para apreciar esta obra da enxeñería do século XIX.
A saída será o venres 15 de marzo ás 08.30 horas desde o Concello de Nigrán para comer en Salamanca e realizar unha visita guiada á cidade Patrimonio da Humanidade. Ao día seguinte farase o percorrido de sendeirismo e o regreso a Nigrán. A excursión incluirá unha parada na preciosa localidade de Puebla de Sanabria.

