Tódolos fins de semana de outubro haberá funcións no Auditorio Municipal
O Concello de Nigrán inicia a programación especial de ‘Fegateatro’ este sábado 4 de outubro coa comedia ‘Desaquelando’ de Teatro do Pesadelo (Santiago) ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. Se ‘Aquelar’ pode significar infinitas cousas na realidade galega….imaxinen vostedes o que pode dar de si o mundo de ‘Desaquelando’. Coma sempre, a entrada é de balde ata completar aforo.
Dunha inverosímil conferencia que mestura textos de Manuel Núñez Singala e de Paco Luna, só podería nacer esta pequena e preciosa aberración. Partindo da análise do estúpido sentimento humano do orgullo, ‘Teatro Pesadelo’ libera no escenario todos os monstros, esperpentos e fenómenos que compoñen a nosa sociedade actual: a tecnoloxía, a nobreza, o fascismo, o futuro….todo son pezas dun sarcástico quebracabezas que ‘Teatro Pesadelo’ converte nunha festa de ironía e crítica socio-política.
O Fegateatro continúa o domingo 12 con ‘Heros en decembro’ de Abran Paso Teatro (Ourense); o domingo 19 con ‘Novo Amencer’ de Achádego Teatro (Lugo) e o sábado 25 con ‘María Castaña’ de Avelaíña Teatro (Mourente).
Este é o quinto convenio que o Concello de Nigrán asina coa Federación Galega de Teatro Amador, achegando o Concello 4.500 € que supoñen 7 representacións en Nigrán (3 xa tiveron lugar en xuño).