O vigués José G. Barral rescata nunha novela a transformación do transporte urbano que a finais dos 60 condenou ao esquecemento aos trens lixeiros que, entre outras liñas, comunicaban Vigo co Val Miñor
O historiados Carlos Méixome fará unha presentación que irá precidida da proxección de imaxes do tranvía Vigo-A Ramallosa
“A controvertible decisión da eliminación dos tranvías abriu unha profunda fenda na vida cotiá e dividiu á sociedade viguesa, deixando unha cicatriz que aínda mostra as costuras medio século despois”, sinala o autor
O Concello de Nigrán acolle este venres 25 de outubro a presentación do libro do vigués José G.Barral ‘Blues da Florida’ ás 20:00 horas na Biblioteca Municipal. O historiador Carlos Méixome e o alcalde, Juan González (tamén historiador) farán unha introducción que irá precidida da proxección de imaxes do tranvía Vigo-A Ramallosa e, a continuación, o autor realizará unha breve presentación desta novela ambientada no momento da supresión dos tranvías de Vigo e comarca e que, no seu propio título, rende homenaxe a magnificente estación ubicada na Florida (Vigo), un lugar con grandes xardíns, restaurante, zonas de xogo infantil e ata un mini-zoo. O obxectivo é establecer un coloquio cos asistentes.
Corría o ano 1968 cando o mundo pegou un estoupido. As placas tectónicas da historia chocaron cunha intensidade imprevista, producíndose unha concentración de acontecementos excepcionais: algueiradas universitarias en Francia, ocupación de Praga polos carros soviéticos, asasinatos de Martin Luther King e de Robert Kennedy nos Estados Unidos, sanguenta represión en México do movemento de protesta estudantil, irrupción do Black Power nas olimpíadas, agravamento da guerra de Vietnam… Malia que os movementos que sacudiron o mundo chegaban como resonancias alleas ao noso país, aquí foron abrollando feitos e episodios que anunciaban ventos de cambio e liberdade. Os estudantes universitarios galegos tamén se revelaron contra as autoridades académicas, o movemento obreiro tentaba rachar as estreiteces do Réxime con mobilizacións contundentes, as expresións artísticas mostraban o seu pulo, comezando a sobresaír unha pléiade de novos escritores e pintores galegos. A cidade olívica axitouse nunha fase particularmente intensa do seu rexo crecemento económico. Esta novela instálase nesa época, levantando costuras e entreforros do poder, indagando nas bambolinas que protagonizaron os axentes económicos, mergullándose nas liortas de grupos enfrontados. “A controvertible decisión da eliminación dos tranvías abriu unha profunda fenda na vida cotiá e dividiu á sociedade viguesa, deixando unha cicatriz que aínda mostra as costuras medio século despois”, sinala o autor.

