HomeVigoNigránO concello de Nigran acolle este venres e sábado a primeira edición...

O concello de Nigran acolle este venres e sábado a primeira edición de “Proxectar”, un espazo de conversa, deseño e creatividade

- Anuncio -spot_img

Participarán relatores de primeiro nivel, como o deseñador británico Jon Marshall, o galego Tomás Alonso, a ceramista nigranesa Paula Ojea e os arquitectos de Estar

O evento está dirixido tanto a profesionais do deseño industrial, a arquitectura e a artesanía, como ao público interesado nos proceso creativos e á comunidade estudantil.

O Concello de Nigrán acolle os días 18 e 19 de xullo a primeira edición de ‘Proxectar’, un ciclo de conversas sobre deseño industrial que pon en valor os procesos creativos detrás do deseño de produto, ofrecendo un espazo único para compartir metodoloxías, experiencias e coñecemento. A cita, que terá lugar no CEIP Humberto Juanes, conta cun cartel de primeiro nivel, con nomes como o recoñecido deseñador británico Jon Marshall, socio da axencial internacional de deseño Pentagram; o galego Tomás Alonso, colaborador de firmas como Hermès ou Camper; a ceramista nigranesa e deseñadora Paula Ojea, Premio Nacional de Artesanía; ou o estudo compostelán Estar, especializado en arquitectura e paisaxe e que vén de estar presente na Bienal de Venecia.

O evento está dirixido tanto a profesionais do deseño industrial, a arquitectura e a artesanía, como ao público interesado nos proceso creativos e á comunidade estudantil. Cun formato reducido, 60 prazas por sesión, outorga protagonismo á conversa entre público e deseñadores, converténdose nun encontro próximo e inspirador. As entradas están dispoñibles en dúas modalidades, individual de cada xornada, por 10€, ou dous días, por 15€

Proxectar nace coa intención de xerar un espazo de diálogo onde deseñadoras e deseñadores de referencia poidan compartir tanto os seus logros como os seus erros, poñendo o foco no “pico e pala” que hai detrás de cada proxecto. A primeira edición conta co patrocinio de Deleite, marca de leite galego pioneira no leite A2, e cun apoio firme pola cultura, o deseño e as expresións artísticas de Galicia. Conta tamén co apoio do Concello de Nigrán e Artesanía de Galicia.

As sesións terán lugar no ximnasio do CEIP Humberto Juanes de Nigrán, un espazo amplo e con carácter que reforza a idea de aprendizaxe que guía o evento. A sesión do venres 18 conta con Jon Marshall e Paula Ojea e estará moderada por Andrés Fraga, fotógrafo e director de Proxectar. A sesión do sábado 19 con Tomas Alonso e Estar Arquitectos e estará moderada por Marcos Dopico, decano da Facultade de Deseño da UVigo. Ambas sesións desenvolveranse entre as 20:00 e as 22:00 horas.

Proxectar é unha iniciativa promovida polo fotógrafo nigranés especializado en deseño e arquitectura Andrés Fraga, quen busca, con esta proposta, consolidar un espazo anual de reflexión arredor do deseño contemporáneo en Galicia.

Publicacións Relacionadas