A palestra correrá a cargo da profesora e invesigadora Patricia Arias Chachero e, como todas estas xornadas, terá lugar nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa ás 19:30 horas
O venres 21 estará adicado a Francisco Fernández del Riego e o 28 a Carlos Casares, ambosautores estiveron afincados no municipio e son os protagonistas dunha mostra ao respecto
O Concello de Nigrán adica este venres 14 de novembro a Ramón Otero Pedrayo dentro das súas xornadas de conmemoriación dos 75 anos da Editorial Galaxia que teñen lugar todos os venres de novembro. Nesta ocasión, a palestra correrá a cargo da profesora e invesigadora Patricia Arias Chachero e, como todas estas citas, será nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa ás 19:30 horas. O venres 21 estará adicado a Francisco Fernández del Riego e o 28 a Carlos Casares, ambos autores estiveron afincados no municipio e son os protagonistas dunha mostra ao respecto no exterior destas instalacións.
Patricia Arias Chachero estudou Filoloxía Galego-Portuguesa, é profesora de Secundaria, e comezou o seu activismo cultural na Fundación Otero Pedrayo, entidade da que na actualidade é secretaria. É colaboradora habitual de diferentes medios e desde 2019 forma parte do consello de administración da Editorial Galaxia, ademais de ser autora e editora de diferentes obras, entre as que está ‘Unha viaxe a través da obra de Otero Pedrayo’.
O Concello de Nigrán quere ser protagonista das conmemoracións polo aniversario da Editorial Galaxia polo que significa para Galicia e polo seu especial vínculo co municipio. “Nigrán foi o lugar elixido para vivir por parte dalgúns dos seus membros máis destacados, por iso queríamos render homenaxe a unha editorial que é símbolo vivo da nosa cultura”, xustifica o rexedor en referencia a quen fora o seu director, Carlos Casares, á escritora Xohana Torres, e por suposto, con especial relevancia Francisco Fernández del Riego, o gran traballador desta empresa e quen doou parte da súa biblioteca a Nigrán, sen esquecer que hai máis autores vinculados ao municipio e á editorial.
Galaxia foi fundada en 1955, nos Salóns do Hotel Compostela de Santiago, por un grupo de galeguistas que conformaban o chamado “exilio interior” (Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo, irmáns Álvarez Blázquez, Álvaro Gil, Antonio Fernández, irmáns Isla Couto, Manuel Gómez Román) que se organizaron para manter acesa a luz da cultura galega nos anos escuros do franquismo. Actualmente é a mais destacada empresa cultural de cantas iniciativas privadas actúan no noso país, revestindo os seus beneficios nas diferentes liñas de actuación que emprendeu historicamente e que mantén na actualidade ou foi desenvolvendo ao longo dos seus tres cuartos de século andado: obras de lingua e literatura, ensaio, historia, xeografía, infantís, sociedade, economía, música, Revista de Economía de Galicia ou a revista Grial… e mesmo dando soporte a Fundacións nas que forma parte dos seus Padroados: Penzol, Otero Pedrayo, Isla Couto…



