HomeVigoNigránO concello de Nigrán adicará os xoves de inverno a sesións de...

O concello de Nigrán adicará os xoves de inverno a sesións de cine pensadas para os maiores e os sábados para infancia e familias

- Anuncio -spot_img

Arrancará nos Cines Municipais da Ramallosa o xoves 6 de novembro con Cinema Paradiso e o 12 con Casablanca, aproveitando o Concello estas citas para consultar entre os asistentes os filmes que desexan ver

‘A Xeración Xa!’ propuxo unha selección de 25 longametraxes para ir programando durante os sábados

O Concello de Nigrán porá os Cines Municipais da Ramallosa a pleno rendemento durante este inverno. E o fará pensando nos maiores e os pequenos, con proxeccións os xoves e os sábados respectivamente e sempre con entrada libre ata completar o aforo.

Así, a programación para adultos arrancará este xoves 6 de novembro ás 18:00 horas con Cinema Paradiso e o seguinte, día 12, con Casablanca. Estas citas servirán para que os propios asistentes formulen por escrito as peticións que irán configurando a programación. Pola súa banda, o Concello pedirá tamén recomendacións aos usuarios do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón, aos que acuden a talleres de envellecemento activo ou no Centro Social de Vilameán. Os últimos xoves de mes, como é habitual, quedarán en mans do Cineclub Val Miñor Alice Guy, que traerán unha película con coloquio do profesor de Historia do Cine Alfonso Castaño. O día sinalado, entre semana, é para que en ningún caso coincida coa programación de fin de semana do Cine Imperial, sendo ademais sempre películas antigas.

Pola súa banda, os sábados ás 18:00 horas será a quenda dos máis pequenos, comezando este día 1 con ‘Coco’. Neste sentido, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán, nomeado ‘Xeración Xa!’, ten elaborado xa un listado de 25 filmes que irán ampliando. Entre eles, figuran películas como ‘Un monstruo vino a verme’, ‘Matilda’, ‘La familia Benetton’, ‘Los chicos del coro’, ‘Wonder’…

“O obxectivo é que os maiores teñan unha actividade de ocio nun día laboral do inverno e que eles mesmos elixan os clásicos que lles gustaría volver a ver na gran pantalla, xa que temos a sorte de contar cun cine muncipal e, a poucos metros, un marabilloso cine histórico como o Imperial para ver cine independente e de actualidade nas fins de semana”, sinala o alcalde, Juan González, quen no mesmo sentido pensa nos máis pequenos da casa. “O inverno tamén é moi longo para eles, con moitos días de choiva, así que pensamos que as tardes de cine dos sábados poden ser un plan inmellorable, máximo cando ímos proxectar o que os voceiros da infancia e da mocidade de Nigrán decida”, engade.

O cinema, de 419 m2 en total e adquirido por 61.500 €, está composto por dúas salas de 160 butacas cada unha e o obxectivo a longo prazo do Concello é unilas facendo unha soa pero moi versátil, podéndose ampliar ou reducir en función do público ou espectáculo. “Será o verdadeiro Auditorio Municipal que Nigrán precisa”, indica González, quen incluíu un orzamento de 500.000 € para a súa transformación na subvención concedida desde Europa ao proxecto común dos tres concellos do Val Miñor ‘La ciudad de los 15 minutos’.

Publicacións Relacionadas