Foi á única oferta presentada a unha licitación que o Concello reservou só para entidades que traballan na inserción sociolaboral de persoas con discapacidade
A entidade ten previsto abrila en primavera coa contratación de entre 6 e 10 persoas con discapacidade intelectual como camareiros e outros 4 expertos en hostalaría coma encargados
“Estamos moi orgullosos de que esta cafetería propiedade do Concello sexa un exemplo en políticas de inclusión e gustaríanos que máis entidades públicas e privadas tomasen exemplo”, valora o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán ven de adxudicar a xestión da cafetería ubicada na planta baixa do Centro da Terceira Idade da Ramallosa ao ‘Centro Juan María Empleo’. Esta foi a única oferta presentada a unha licitación municipal reservada só a entidades que traballan na inserción sociolaboral de persoas con discapacidade, en liña cos obxectivos marcados polo Concello a través de ‘Un Nigrán para todos’ (grupo de expertos en inclusión creado polo goberno local para recibir asesoramento en devanditos temas).
Esta cafetería ubícase na antiga estación do tranvía, sen servizo desde o ano 1968, e foi rehabilitada para cumplir a actual función no ano 1995, sendo desde entón a planta baixa zona de restauración e as dúas superiores a parte social onde se desenvolven os cursos de envellecemento activo. Agora, o obxectivo desta entidade con sede en Parada (Nigrán) é reabrila en primavera coa contratación de entre 6 e 10 persoas con discapacidade intelectual como camareiros e outros 4 expertos en hostalaría coma encargados.
“Estamos moi orgullosos de que esta cafetería propiedade do Concello sexa un exemplo en políticas de inclusión e gustaríanos que máis entidades públicas e privadas tomasen exemplo”, valora o alcalde, Juan González, quen tamén apostou por eles para o parking da Ramallosa, o mantemento das zonas verdes de Porto do Molle ou a conserxería do CEIP A Cruz, mentras que desde o Centro Juan María inciden en que o obxectivo “é mellorar as posibilidades das persoas con discapacidade intelectual nun sector no que hai especial demanda de profesionais e, ao mesmo tempo, amosar á sociedade as súas capacidades”. Neste sentido, sinalan que asumen este novo reto con “ilusión máxima” ao estar ubicados ademáis “nunha contorna privilexiada que garante a máxima visibilidade”.
A explotación inclúe unha terraza exterior duns 300 m2 e a concesión supón abonar ao Concello un cánon anual de 18.000 €, tendo o contrato unha duración de 10 anos con posibilidade de 5 prórrogas anuais. “Queremos abrir en primavera para antes dotarnos do mobiliario preciso, emprender melloras, contactar con proveedores e iniciar en xaneiro a selección de todo o persoal, xa que antes de comezar queremos impartirlles unha formación”, indican. Neste sentido, subliñan que, dependendo de se é tempada alta ou baixa, precisan de 4 persoas sen discapacidade expertas en hostalaría para realizar labores de encargado/supervisor e entre 6 e 10 camareiros, todos eles con discapacidade intelectual. Os contratos serán a xornada completa organizadas por quendas para dar servizo todos os días da semana de 8 a medianoite. “Mínimo estarán por quenda un encargado e 3-4 camareiros, iremos vendo”, explican.
“É un servizo básico e rendable desde o punto de vista económico pola súa inmellorable situación e porque complementa á perfección ás actividades socioculturais do centro”, sinala o alcalde. Nesta contorna da Alameda de San Campio, precisamente, funciona desde este ano un quiosco xestionado por traballadores do Juan María, neste sentido, teñen ampla experiencia laboral en xardinería, limpeza, comercio, manipulados para empresas, xestión de parkings ou labores de conserxería (concretamente, nestes dous casos, administran o parking municipal da Ramallosa e a conserxería do CEIP A Cruz) e agora, coa cafetería, sumarán hostalaría. “Sempre que hai oportunidades de emprego para persos con discapacidade non o dubidamos”, explican. “Este é o Nigrán amigable que queremos xerar”, finaliza Juan González.



