O concello de Nigrán atende á mocidade con problemas de saúde mental vinculados á adicción a través de “Panacea”

adminON
Lectura mínima de 5

O Concello financia con 5.000 € este programa que leva adiante no municipio a asociación ‘Alborada’ de loita contra as adiccións

Atenden actualmente a 9 usuarios do municipio, o menor deles unha rapaza de 13 anos con problema de adicción ás pantallas, algo cada vez máis común en idades temperás

“Os resultados acadados no 2024 foron moi positivos, polo que non podíamos permitir que PANACEA rematase, así que asumimos a financiación directa desde o Concello para que poida continuar en Nigrán”, explica o alcalde, Juan González

 O Concello de Nigrán financia con 5.000 € a continuidade do programa PANACEA de atención á mocidade en risco de padecer problemas de saúde mental vinculada a todo tipo de adiccións, ben por consumo recurrente ou por iniciarse. Este está a funcionar xa desde o 15 de agosto con sede no Centro Antena e a cargo da asociación Alborada, entidade con gran experiencia neste eido. O proxecto naceu en agosto de 2024 en colaboración cos servizos sanitarios e sociais e os departamentos de dirección e orientación dos centros educativos de toda a comarca, atendéndose nese tempo 27 casos. Desde aí, derivaban aos posibles beneficiarios ao non existir unha unidade de saúde especializada na zona pese a detectarse un repunte desde 2023 das adiccións entre a mocidade do Val Miñor.

“Os resultados acadados foron moi positivos, polo que non podíamos permitir que PANACEA rematase, así que asumimos a financiación directa desde o Concello para que poida continuar no noso municipio”, explica o alcalde, Juan González, quen subliña que “cando se fala de adiccións non se refire só a estupefacientes”, se non tamén a pantallas, váper ou tabaco, cuestións máis comúns entre os usuarios máis novos. De feito, actualmente están a atender a 9 persoas de Nigrán, o máis novo unha menor de 13 anos e con problemas de adicción aos videoxogos e, o maior, de 38, vinculado ao consumo de substancias estupefacientes. “O rango de idade normal é de 14 a 35 anos pero se é preciso se amplía para non deixar a ninguén fora se se cumplen determinadas características comúns”, matizan.

PANACEA está integrado por un equipo interdisciplinar formado por unha psicóloga experimentada na materia, unha traballadora social e, a maiores, a colaboración doutra traballadora social de Alborada e unha educadora social. As profesionais realizan visitas domicilarias que establecen un vínculo terapéutico próximo e, deste xeito, tamén diminúe a problemática de non asistencia ás citas e consiguen maior adherencia ao programa. Estas intervencións individuais inclúen educación en saúde, en mellora das habilidades sociais e da autoimaxe, prevención de recaídas… “A xente de menor rango de idade, sobre 12 anos, o que soe presentar son problemas de adicción ás pantallas e, neses casos, o primeiro é entrevistarse cos pais e darlle pautas de conducta porque normalmente o que hai detrás é un exceso de permisividade, se isto non é suficiente, hai que ampliar a intervención co propio menor”, engaden. Neste sentido, inciden en que o maior problema de adicción e saúde mental dos pre-adolescentes é este e, na idade máis adulta, o consumo de substancias.

En definitiva, PANACEA nace como alternativa ao tratamento clínico hospitalario fundamentándose en visitas domiciliarias e seguimentos individualizados, intervencións psicosociais destinadas á prevención, intervención con profesionais implicados que detectan novos casos e un diagnóstico sociosanitario no Val Miñor. Esta metodoloxía foi desenvolvida con éxito por Alborada ao detectar entre a mocidade unha pobre autoimaxe e baixo autocontrol, unha ínfima educación en saúde mental, dificultades para atopar alternativas de ocio saudables como alternativa ao consumo de substancias, a propia complicación para acadar atención profesional especializada , ausencia de recursos neste eido na comarca e incluso falta de supervisión e apoio de calidade por parte de persoas adultas da súa contorna.

“Cada vez hai un inicio más temperá no trastorno adictivo e unha maior normalización comunitaria, como pode ser coa tecnoloxía nos menores ou o propio vaper, que soe ser a porta de entrada ao tabaco ou outras substancias”, explican desde Alborada, polo que desde o Concello de Nigrán non se dubidou en continuar con este programa. 

Comparte este artigo