Alumnado dos cinco colexios públicos de Nigrán axudan a recompilar os alcumes e os plasman nun obradoiro de ‘lettering’ impartido por Papelier
O obxectivo é por en valor o patrimonio oral e a identidade colectiva antes de que se perda entre a mocidade debido aos cambios nos modos de vida. Cos datos obtidos elaborarase un libro ilustrado por parroquias, un póster e un calendario
O Concello de Nigrán está a buscar os alcumes oriundos de cada parroquia entre os escolares de 6 de Primaria do municipio. Así, desde inicios de mes e durante os próximos días o alumnado dos cinco colexios públicos de Nigrán asiste a obradoiros de ‘lettering’ impartidos por Noelia Muíños e Ramón Quintas, deseñadores gráficos de Papelier contratados polo Concello co obxectivo de posteriormente elaborar un libro ilustrado, un calendario e un póster. Os días previos a actividade de escritura artística as crianzas consultaron en cadanseu barrio os alcumes máis senlleiros. A familia de ‘O chosco’, ‘As micaelas’, ‘Grilo’, ‘Balín’ ou ‘Serín’ foron algúns dos que recuperaron as crianzas do CEIP da Cruz (Camos), algúns deles con orixe máis curiosa da agardada: “Comezaron a chamarlle ‘O chosco’ porque guiñaba moito o olla ás rapazas, non porque fora chosco”, explicaba unha nena.
Así, tras rescatar anos atrás a micropotonimia referida ao territorio de cada barrio, agora o Concello inicia unha investigación que pon o foco de atención nos alcumes, habitualmente menos estudados pese a ser unha ferramenta importante de identificación social e unha fonte de coñecemento sobre as dinámicas comunitarias, familiares e xeográficas, ademais de conlevar unha forte carga emocional para as familias ao implicar xeralmente aos seus antepasados.
“Non se trata de ser alcumadores de novos veciños nin de rescatar aqueles que buscaban ridiculizar ou estigmatizar, se non de recuperar alcumes tradicionais que, se os analizamos, achegan auténtica información antropolóxica e lingüística do municipio en disciplinas tan variadas como a botánica, a literatura ou a Historia”, aclara o alcalde, Juan González, historiador e quen explica que “as novas dinámicas sociais, a falla de transmisión oral e os cambios de vida están a facer que se perdan”.
“O proxecto é multidisciplinar, combina a recompilación, interpretación e difusión dos alcumes cunha metodoloxía participativa, creativa e interxeracional, fomentando a implicación directa da veciñanza e, de maneira especial, do alumnado dos centros educativos”, sinala ao rexedor. “Sumando neste traballo aos máis pequenos da casa como investigadores estamos garantindo esa transmisión oral que preservará aos alcumes, ao tempo que poñemos a semente para que se interesen máis sobre os seus antepasados e os seus barrios, xerando ese sentimento de pertenza a comunidade que desde o Concello sempre fomentamos”, resume González.



