Entre as mencións figuran o equipo de marcha nórdica do Centro de Saúde Val Miñor, o memorial de fútbol sala ‘Pablo Ramilo’ ou o nadador de augas abertas Iñaki Saturtún
Premiaranse aos mellores deportistas de cada disciplina, entre os que figuran as tres xeracións da familia Villar (R.Club Celta, ED Val Miñor e F.C. Barcelona) ou o acroclub Nigrán, que fará unha exhibición na gala
O Concello de Nigrán celebra este sábado 1 de Abril ás 20:00 horas no Auditorio Municipal a súa terceira ‘Gala do Deporte’, na que se premiarán a preto de 50 deportistas e entidades de todo o municipio que son referente en diferentes disciplinas. Trátase dun evento aberto ao público, presentado un ano máis pola periodista deportiva Paula Montes, e que contará coa exhibición do equipo de ximnasia acrobática ‘Acroclub Nigrán’ (será galardoado) e cun coche de Prado Competición na praza.
O nome dos premiados de cada categoría non se desvelará ata o propio momento da Gala, pero o Concello si desexa dar a coñecer xa algunhas mencións especiais coas que homenaxeará a persoas retiradas ou eventos. Entre elas figuran o equipo de enfermeiros do Centro de Saúde Val Miñor que promoveu a práctica da marcha nórdica entre a veciñanza; as atletas retiradas de Panxón Carmen Costas, Dolores Vázquez ‘Loli’, Constantina Penedo ‘Tinita’ e Jenny e Patricia Massó; o memorial de futbol sala ‘Pablo Ramilo’ que cada ano se celebra en Parada; o vasco Iñaki Santurtún que todos os días nada nas augas abertas de Panxón, ou o xinete internacional portugués Manuel Gonçalves Da Silva, residente tamén en Nigrán. Entre os premiados, a novidade é que por vez primeira haberá un galardón triplemente compartido na categoría ‘Traxectoria Deportiva’: as tres xeracións da familia Villar (afincados en Camos desde hai máis de 40 anos) encabezada polo histórico futbolista do R.C.Celta Luís Villar, o seu fillo Alejandro (fundador da E.D.Val Miñor Nigrán) e o seu neto Pedro Villar (xogador cadete do F.C.Barcelona e capitán na selección galega). Pola súa banda, o Centro Comercial Nasas será premiado tamén polo seu compromiso social patrocinando no municipio deportes como a petanca ou o futbol.
“Será unha Gala na que homenaxear aos nosos deportistas e darlles a visibilidade que merecen, xa que moitos deles practican disciplinas moi pouco recoñecidas, ademais de existir unha fenda de xénero cando se trata de mulleres deportistas”, explica o alcalde, Juan González.



