O obxectivo é atopar familias con alta sensibilidade que acollan temporalmente a adolescentes que están a cumplir unha sentenza
O Concello de Nigrán difundirá un ano máis o programa “CONVIVE.Conmigo” de acollemento de adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial. Así o acordou o alcalde, Juan González, e a edil de Asuntos Sociais, Bibiana Peixoto, nunha reunión con representantes de Arela no consistorio, entidade que leva traballando en Galicia desde 1998 coa infancia e a adolescencia en situación de desprotección ou de conflito social, prestando diferentes servizos. Este programa consiste nun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial.
Arela busca persoas ou familias con alta sensibilidade cara a adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un destes mozos con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiráselles aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, e por tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe. Os requerimentos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda axeitada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Valorarase ter formación relacionada con ciencias sociais ou experiencia previa en programas de acollemento familiar. Durante todo o tempo que dure esta convivencia, a familia/persoa de acollida tamén conta co apoio económico de 40 euros diarios.
Trátase dunha alternativa de aprendizaxe natural, nun contexto normalizador e inclusivo, mais o adolescente reforzará estas aprendizaxes a través de sesións de traballo que realizará co equipo educativo encargado da súa medida xudicial. Este equipo profesional tamén traballará coa familia do adolescente as dificultades que deron lugar a esta situación, promovendo cambios e estratexias que axuden a mellorar a convivencia de cara ao seu regreso ao domicilio familiar. Por outra banda, o Programa CONVIVE.COMigo é o encargado do acompañamento e formación das familias/persoas acolledoras, apoiando especialmente durante os períodos de convivencia.
Dende a páxina web de ARELA (www.arela.org) pódese consultar máis información, así como desde o seu teléfono 604038672 ou a través do correo electrónico convive@arela.org



