O punto de saída é o Centro Comercial Nasas ás 16:00 horas para recorrer o Val Miñor e regresar ás 19:00 horas
O Concello de Nigrán, xunto ao de Baiona e Gondomar, colabora coa Peña Moteira ‘Os Rillasepas’ organizando este domingo 21 de decembro a XVI Ruta Moteira de Papanoeles, que terá inicio e fin en Nigrán.
Así, este ano o punto de saída será o Centro Comercial Nasas (Porto do Molle), ás 16:00 horas. Os participantes partirán en dirección Praia América (17:00), Baiona (17:15), Ramallosa (18:00), Gondomar (18:30) e volta a Nasas, aproximadamente ás 19:00 horas. Para participar é imprescindible o traxe de Papanoel e unha actitude cívica.
Ao longo do percorrido repartiranse caramelos, que serán facilitados pola organización, e ao finalizar, haberá unha chocolatada con rosquillas Cristaleiro para todos os moteiros. Como é habitual, recolleranse alimentos non perecedoiros no punto de quedada.



