As axudas de 30.000 € concedidas aos camposantos de Priegue, Camos e Panxón permitiron que os seus propietarios mellorasen as infraestruturas
“Os cemiterios privados son imprescindibles porque a a alternativa municipal (Ceán e Parada) é totalmente insuficiente, por eso é de xustiza axudalos”, defende o alcalde, Juan González.
O Concello de Nigrán ven de constatar que a concesión de 30.000 € nas primeiras subvencións aos cemiterios veciñais (os privados, non municipais, nin da Igrexa) reverteron na súa mellora; concretamente, foron os camposantos de Priegue, Camos e Panxón.
Así, en Priegue concedéronse 5.172 € para a preparación do terreo, impermeabilización e limpeza da parte superior dos nichos; en Panxón 15.517€ para mellorar a recollida de pluviais e en Camos 9.310 € para reparar fendas nos muros, asi como para aplicar unha capa de formigón pulido nas beirarrúas e colocación de varias rexillas para a choiva. Os cemiterios puideron incluír nestas subvencións calquera obra destinada a mellorar a súa infraestrutura ou incluso en materia sanitaria.
Estas primeiras subvencións a camposantos na Historia do Concello de Nigrán foi por concorrencia competitiva, repartíndose todo o orzamento entre os solicitantes. “Estas axudas naceron do contacto directo coa veciñanza e de atender as súas demandas. Os cemiterios privados son imprescindibles porque a alternativa municipal (Ceán e Parada) é totalmente insuficiente para a poboación de Nigrán”, considera o alcalde, Juan González.



