Un torneo entre todos os equipos de veteranos de Nigrán renderá homenaxe ao que foi o primeiro presidente e fundador do Priegue C.F., ademais de concelleiro e impulsor do campo municipal de Condomínguez
“Esta é a mellor maneira de recordar ao meu pai, xogando, é o que a el lle gustaría”, explica Cristina Dosil. “Fundou unha institución deportiva que transmitíu os mellores valores do deporte e era unha persoa moi comprometida co municipio e moi apreciada, por iso no ano 2019 recibíu un recoñecemento público na I Gala do Deporte do Concello de Nigrán”, subliña o rexedor
O Concello de Nigrán colabora co Club de Fútbol Veteranos de Priegue para ofrecer este sábado 31 de agosto a partir das 17:30 horas en Condomínguez o ‘I Memorial Odilo Dosil Quintela’, adicado a quen foi o primeiro presidente deste clube, concelleiro de Deportes do municipio e impulsor do propio campo de fútbol. O torneo será disputado por todos os equipos de veteranos da localidade: Dunas-Tapería o Druída, Chandebrito, Racing Vilariño e os anfitrións, o Priegue. Deste xeito, o futbol nigranés e o Concello desexan render unha homenaxe pública a quen foi unha figura histórica na promoción do deporte na localidade, Odilo Dosil Quintela, falecido no ano 2020 aos 74 anos. Este será ademais o partido elixido por Odilo Dosil Valverde para colgar as botas tras terse formado como futbolista no clube que fundou o seu pai en 1980. Estará acompañado na grada pola súa irmá e concelleira de Relacións Veciñais, Xuventude e Festas, Cristina Dosil, e do propio alcalde, Juan González, en representación de toda a corporación.
“Estou moi agradecida aos clubes de Nigrán por ter organizado este torneo, esta é a mellor maneira de recordar ao meu pai, xogando, é o que a el lle gustaría”, explica Cristina Dosil, quen recorda que “a súa vida estivo adicada ao futbol, desde pequeno xogando no orfanato de Panxón a xa maior sendo presidente do Priegue”. “Fundou unha institución deportiva que transmitíu os mellores valores do deporte e era unha persoa moi comprometida co municipio e moi apreciada, por iso no ano 2019 recibíu un recoñecemento público na I Gala do Deporte do Concello de Nigrán xunto a Jorge Souto, presidente histórico do Racing Vilariño”, subliña o rexedor, quen lles entregara persoalmente esta distinción.
Odilo Dosil Quintela (Vigo, 1946- Nigrán, 2020) pasou a súa infancia no orfanato de Panxón tras ter morto o seu pai na mar cando era un neno. Alí comezou a xogar ao fútbol e a amar o deporte. No asteleiro vigués Barreras coñeceu a súa muller, Josefa Valverde, natural de Priegue e onde formaron a súa familia, con tres fillos, Odilo, Marta e Cristina. Foi nesta parroquia na que fundou en 1980 o Priegue Club de Fútbol, pasando por el diferentes xeracións de mozos ata a súa desaparición no ano 2001, cando o clube se transforma no Nigrán Club de Fútbol que, finalmente, no 2010 se fusiona coa ED Val Miñor, permanecendo desde a súa orixe o equipo de veteranos que agora organiza este memorial. Comprometido socialmente, Odilo Dosil Quintela foi un dos fundadores da agrupación socialista de Nigrán e concelleiro de Deportes independente co primeiro alcalde democrático da localidade, o centrista Modesto Valverde. Desde este cargo político impulsou a creación do campo municipal de Condomínguez. Emprendedor tamén no eido laboral, Dosil fundou a súa propia empresa de compravenda de mariscos que actualmente leva o seu fillo.

