O actual director, Xosé Manuel Soutullo, será quen aborde a figura do seu homólogo, falecido en Nigrán no 2002
O Concello de Nigrán culmina este venres 28 de novembro coa figura de Carlos Casares as xornadas adicadas este mes de novembro á conmemoración dos 75 anos da Editorial Galaxia. Coma nas charlas anteriores, terá lugar nos Cines Municipáis do Centro Comercial A Ramallosa ás 19:30 horas con entrada libre. Nesta ocasión, o actual director, Xosé Manuel Soutullo, será quen aborde o papel de Carlos Casares, ilustre veciño de Nigrán e quen dirixíu Galaxia ata o seu repentino falecemento no ano 2002. Soutullo, residente no Val Miñor desde hai anos, leva toda a súa traxectoria profesional no selo que dirixe, sumando máis de 4 décadas.
O Concello de Nigrán quixo ser eixo das conmemoracións por todo o que significa para Galicia e polo seu especial vínculo co municipio. “Nigrán foi o lugar elixido para vivir por parte de Carlos Casares ou Francisco Fernández del Riego, por iso queríamos render homenaxe a unha editorial que é símbolo vivo da nosa cultura”, xustifica o rexedor, Juan González.
Galaxia foi fundada en 1955, nos Salóns do Hotel Compostela de Santiago, por un grupo de galeguistas que conformaban o chamado “exilio interior” (Fernández del Riego, Ramón Piñeiro, Ramón Otero Pedrayo, irmáns Álvarez Blázquez, Álvaro Gil, Antonio Fernández, irmáns Isla Couto, Manuel Gómez Román) que se organizaron para manter acesa a luz da cultura galega nos anos escuros do franquismo. Actualmente é a mais destacada empresa cultural de cantas iniciativas privadas actúan no noso país, revestindo os seus beneficios nas diferentes liñas de actuación que emprendeu historicamente e que mantén na actualidade ou foi desenvolvendo ao longo dos seus tres cuartos de século andado: obras de lingua e literatura, ensaio, historia, xeografía, infantís, sociedade, economía, música, Revista de Economía de Galicia ou a revista Grial… e mesmo dando soporte a Fundacións nas que forma parte dos seus Padroados: Penzol, Otero Pedrayo, Isla Couto…



