Terá lugar nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa a partir das 20:00 horas
O Concello de Nigrán conclúe este venres 24 de outubro a conmemoración do ‘Día Mundial da saúde mental’ co derradeira das xornadas, nesta ocasión a cargo dos especialistas do Centro da Saúde da Xunqueira a partir das 20:00 horas nos cines municipais do Centro Comercial A Ramallosa. Coordinadas polo médico psiquiatra xubilado Antón Seoane-P Montenegro coa colaboración do escritor e historiador Carlos Méixome, ambos moi vinculados coa comarca, o obxectivo é ofrecer unha reflexión actual acerca da enfermidade mental e, neste caso, abordarán o tratamento ambulatorio.
Os protagonistas serán, por tanto, tres profesionais vinculados á unidade de saúde mental do Val Miñor (A Xunqueira). Concretamente, Miguel A.Miguélez Silva (médico psiquiatra), Saba Fernández Domínguez (psicóloga) e Amador Pajares Domínguez (traballador social). Miguelez Silva é doutor no Programa de Neurociencia e Psicoloxía Clínica pola Universidade de Santiago, cun Máster en Xestión Clínica e Sanitaria en Saúde Mental e un Máster en Conduta Suicida. A psicóloga Saba Fernandez Dominguez ten un Master en Terapia Familiar-Sistémica e é especialista en Clínica e Psicoterapia Psicoanalítica. Pajares Dominguez, ademáis de colaborador do SERGAS, está implicado en diferentes entidades sociais do Val Miñor como é o caso da Asociación Avelaíña.
Nas derradeiras xornadas os protagonistas foron o médico psiquiatra Sergio García Piñeiro, traballador na Unidade de Rehabilitación Psiquiátrica de Vigo e antes no Rebullón ou Nicolás Peña; e Antón Seoane, médico psiquiatra do SERGAS xa xubilado e quen comezou a traballar no 1973 no ‘Sanatorio de Conxo’.