A comedia ‘Feminíssimas’ abre a programación cultural o sábado no Auditorio seguida o domingo do espectáculo de maxia da Maga Fani ‘Igualdade ónde estás?’
O Concello de Nigrán conmemora esta fin de semana o 25-N, ‘Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’ con teatro o sábado e maxia o domingo. Así, a compañía ‘De Ste Xeito Producciones’ inaugurará a programación coa representación de ‘Feminíssimas’ o sábado 22 de novembro ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. O argumento é que tres amigas da adolescencia que hai anos que non se ven coinciden nun congreso feminista e, cada unha delas, ten unha forma de entender o “feminismo”. Este é o punto de partida desta creación de Esther F. Carrodeguas, Noelia Blanco, Stephy Llaryora e Xavier Castiñeira. Unha ‘comedia violeta’ con altas doses de humor, ironía e complicidade. A entrada é de libre ata completarse o aforo.
Ao día seguinte, domingo 23 de novembro, terá lugar ás 17:30 tamén no Auditorio Municipal o espectáculo familiar de maxia ‘Igualdade ónde estás?’ a cargo da maga Fani. A protagonista desta historia nace un 8 de Marzo de 1975. Considerando este feito, a súa nai, nunha clara sinal da misión que lle agarda, decide chamala Esperanza Marzal. Esperanza Marzal traerá a igualdade, ela desexa que no século XXI as mulleres poidan ir tranquilas pola rúa, alcanzar os mesmos postos de traballo que os homes, que a conciliación da vida persoal e familiar sexa unha realidade e que a violencia de xénero sexa erradicada. A entrada é de libre ata completarse o aforo.
O luns 24 de novembro, o Concello de Nigrán estreará unha actividade nova que agarda consolidar no tempo: ‘Café en igualdade’. Este será un espazo de conversa para toda aquela persoa interesada e que se desenvolverá na cafetería ‘O Cafecino’ de A Ramallosa a partir das 17:30 horas. Nesta primeira sesión, dirixida por María Montenegro, sexóloga con ampla experiencia en Igualdade, abordarase o mito do amor romántio co obxectivo de reflexionar e debatir entre todos. Non é necesario inscribirse previamente.
O propio martes 25 de novembro, ‘Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’, terán lugar dous actos de especial relevancia, por unha banda, ás 12:00 horas a lectura dun manifesto a cargo do grupo ‘Xeración Xa’ (órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán) na Praza do Concello ás 12:00 h, e pola tarde, ás 17:00 horas no Salón de Plenos, será a constitución do Consello Municipal da Muller. Con esta convocatoria comezará a súa andaina este órgano plural e participativo de carácter consultivo, informativo e asesor que ten por finalidade promover a participación social da muller no desenvolvemento de políticas públicas. Ademais dos partidos políticos da Corporación Municipal, o integran asociacións do municipio que traballan a prol da igualdade.
Toda a programación do 25-N está deseñada pola Concellería de Igualdade a través do CIM e coa colaboración do ‘Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero’.

