HomeVigoNigránO concello de Nigrán conmemora o 25-N coa lectura dun manifesto da...

O concello de Nigrán conmemora o 25-N coa lectura dun manifesto da “xeración xa!” e o primeiro consello municipal da muller

- Anuncio -spot_img

As crianzas do órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán adicaron o seu discurso ás vítimas de violencia vicaria

O salón de Plenos acolle pola tarde a constitución do Consello Municipal da Muller coa presenza de sete voceiras de diferentes partidos e entidades

O Concello de Nigrán culminou onte a programación especial polo 25-N, ‘Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres’, coa lectura dun manifesto esta mañá e a constitución do primeiro Consello Municipal da Muller pola tarde no Salón de Plenos.

Así, o 25 de novembro arrancou ao mediodía na Praza do Concello coa proclama dun manifesto a cargo da ‘Xeración Xa!’, o órgano de participación infantil e xuvenil do Concello de Nigrán, con tres voceiros que adicaron o seu discurso ás vítimas de violencia vicaria. “Queremos medrar nun mundo onde o amor non fira, onde o coidado sexa forza, onde a vida sexa segura, tamén dentro da casa”, expresaron antes de finalizar co berro ‘”Nin unha menos!”. Ao rematar, xunto aos representantes da corporación municipal, alumnado de 6º de Primaria do CEIP Humberto Juanes e do CEE Juan María gardaron un minuto de silencio por todas as vítimas de violencia de xénero.

A conmemoración polo 25-N continuou a partir das 17:00 horas no Salón de Plenos coa constitución do ‘Consello Municipal da Muller’, novo órgano de carácter informativo e consultivo que se engade ao nomeado Consello da Infancia e Xuventude creado no 2021 ou ao Consello Sectorial do PXOM. “É un día histórico para as mulleres de Nigrán; ao fin temos un lugar oficial de encontro, de debate e de propostas para trasladar de xeito directo aos órganos municipais que correspondan”, valora Patricia Diego, edil de Igualdade e presidenta deste Consello por delegación do alcalde.

Nesta constitución do Consello participaron voceiras dos partidos políticos representados na corporación municipal (Bibiana Peixoto polo PSOE; Cristina Fernández polo BNG; María José Pino polo PP) e voceiras de organizacións que traballan no municipio na procura da igualdade (Eva Fernández e Beatriz Fernández Fernández por Favalmi; Beatriz Fernández Magán pola Asociación Area Loura e Dolores Fernández pola Asociación de Mulleres Rurais de Chandebrito). Así, este novo órgano está vinculado á Consellería de Igualdade e cínguese ao termo municipal, ao marxe das colaboracións que se desexen crear máis alá. O obxectivo é que garanta un espazo onde as asociacións ou grupos políticos poidan expor as súas axendas, avanzar cara ao empoderamento e liderazgo das mulleres, crear sinerxías e ter unha interlocución directa coa administración local. “As propostas serán tidas en conta para deseñar a nosa política municipal de igualdade e tamén lle realizaremos consultas previas sobre os aspectos que estean vinculados, como pode ser o orzamento anual”, garante o rexedor, Juan González.

Nesta constitución do Consello Municipal da Muller, aprobado por unanimidade en sesión plenaria en outubro de 2024, a edil de Igualdade Patricia Diego, presentou o funcionamento do mesmo e os programas e actuacións do CIM, ademáis de consultar os posibles temas a tratar na seguinte reunión para elaborar a orde do día. Como mínimo reunirase unha vez ao ano con carácter ordinario e con carácter extraordinario cando se considere preciso a xuízo da presidencia ou cando o solicite mínimo un terzo dos seus membros.

O nacemento do Consello Municipal da Muller coincide coa programación específica que o Concello de Nigrán deseñou para todo o mes de novembro con motivo do 25-N. Este ano o lema é ‘A violencia mídese! Non ignores os sinais’, mostrando nunha imaxe diferentes formas de violencia que se manifestan na vida cotiá e que a maioría das veces non se teñen en conta, ou se confunden.

Publicacións Relacionadas