HomeVigoNigránO concello de Nigrán conmemora o centenario da fotografía do mestres Sebastián...

O concello de Nigrán conmemora o centenario da fotografía do mestres Sebastián Pena co seu alumnado de Parada

- Anuncio -spot_img

Unha placa ao carón da súa escola recorda desde hoxe a vida deste prototipo de mestre da República represaliado polo franquismo. Ao acto acudiron os seus netos

Desde o Concello de Nigrán restauramos anos atrás a figura de José Vázquez Grela, mestre nacional asasinado nas Angustias, e agora o facemos con Pena, persoa moi comprometida cos valores da República“, explicou o alcalde, Juan González, historiador experto na Guerra Civil

O Concello de Nigrán aproveitou que hoxe se cumplen 100 anos da fotografía do mestre Sebastián Pena co seu alumnado para adicarlle unha placa ante a mesma escola de Parada. Os seus netos e descendentes acudiron ao lugar xunto ao alcalde, concelleiros e o historiador Carlos Méixome para renderlle unha homenaxe ao protagonista do ‘Mes da Memoria’ deste ano. Dous meses atrás o Concello lanzara unha petición pública para identificar aos 34 protagonistas da devandita imaxe do 3 de novembro de 1925 na que, á esquerda do grupo, destaca unha pizarra co escrito: ‘Una buena educación es un tesoro’. O resultado: Sebastián Pena está ao carón do párroco Santiago Torres Luya, a quen lle comprendeu Parada durante un par de anos, e só se conseguiron nomear a 9 alumnos, algúns deles con dúbidas e outros máis claramente, como é o caso de Manuel González Figueiro; Sara Rodríguez Núñez; os irmáns Marcelino e Benilde Villar Núñez; ou os propios fillos do mestre, Antucho e Augusto Pena Fernández.

Con esta intensa busca e a propia placa que recorda a súa vida, o obxectivo do Concello de Nigrán é resarcir a figura de Sebastián Pena López (1885-1971), prototipo de mestre da República que exerceu en Parada e Vilariño e cuxa coincidencia de apelidos fai que se vincule erróneamente co gran represor da comarca, o cabo Pena. O obxectivo é zanxar para sempre con esta falsidade histórica e devolverlle todo o recoñecemento público que merece quen foi unha persoa moi comprometida coa vida social e cultural da comarca.

“Desde o Concello de Nigrán restauramos anos atrás a figura do mestre nacional José Vázquez Grela, asasinado o 12 de setembro de 1936 nas Angustias, e agora o queríamos facer con Pena, o seu amigo, quen sufríu unha dura represión. Ademáis, alégranos especialmente poder levar adiante este acto de reparación e xustiza porque chegamos a tempo de que dúas das súas fillas sexan testemuña”, explica o rexedor, Juan González, historiador experto na Guerra Civil e quen, como alcalde, no 2018 adicou un parque público a Grela despois de divulgar a súa figura en diversas xornadas ou dignificando a súa lápida nun acto público no cemiterio.

“Desde a proclamación da República amosou o seu compromiso: encabezou, en Vigo, a ‘xunta civil de defensa dos poderes republicanos’ para evitar a parálise dunha administración baixo o control dos monárquicos; presidiu o consello escolar local; dinamizou as ‘misións pedagóxicas’ e desenvolveu unha intensa actividade cultural dende a sociedade agraria de Parada”, sinala Méixome, quen o sitúa inicialmente no emilianismo-lerruxista (moi arraigado na comarca) e posteriormente, desencantado cos radicais, liderando activamente o novo agrarismo arredor da Federación Provincial Agraria, moi próxima ao ideario galeguista.

Natural de Tabeirós (A Estrada) asentouse en Vilariño coa súa muller Virginia Fernández Nuñez, e tras o alzamento temeu pola súa vida (ao seu irmán, José María, fusilárono). “Sancionárono sen emprego e soldo e, cando lle devolveron a escola, afastárono da casa familiar durante seis anos; mandárono a Pontecesures”, engade Méixome, quen no seu libro ‘Catas na memoria’ indica que aínda que cando foi o golpe de estado xa non exercía en Parada (estaba no barrio vigués de Casablanca) foi investigado polo tempo que exerceu en Parada, emitindo o presidente da xestora nigranesa un informe de conduta favorable solicitado polo comandante militar de Baiona o 13 de setembro de 1936.

“A coincidencia do seu apelido co do ‘Cabo Pena’, o gran represor da comarca, provocou unha confusión na trasmisión oral que levou a unha falsidade terrible que desde o propio Concello de Nigrán queremos emendar para sempre”, explica o alcalde. “Sen dúbida é un erro non intencionado, resultado tanto da popularidade do mestre, orador nos grandes mitins agrarios e republicanos, como do descoñecemento do escorregadizo cabo Manuel González Pena, prototipo de represor, de asasino. Non hai causa militar aberta contra as xentes de Nigrán e Baiona na que non estea presente· Sebastián Pena López, o mestre republicano de Parada e Vilariño, castigado polos sublevados, nada ten que ver co xefe dos represores no Val de Miñor, Manuel González Pena.

Publicacións Relacionadas