HomeVigoNigránO concello de Nigrán convaco un concurso para a construción dun parque...

O concello de Nigrán convaco un concurso para a construción dun parque deportivo inclusivo en Porto do Molle

- Anuncio -spot_img

O Colexio de Arquitectos de Galicia colabora neste certame que ten por obxecto completar e integrar a pista de atletismo e de skate, construír un espazo protexido da choiva… Todo baixo a premisa da accesibilidade universal e cun investimento previsto de 4,5 millóns de euros

Os estudios de arquitectura poderán presentar as súas propostas para a primeira fase de ideas ata o 24 de novembro

“Esta nova infraestrutura porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubs locais como para o IES Val Miñor, e deberá ser un exemplo de construción inclusiva”, considera o alcalde, Juan GonzálezNigrán, 18/10/25.- O Concello de Nigrán dá un paso máis de cara a facer realidade o novo espazo deportivo inclusivo en Porto do Molle e para elo conta unha vez máis coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG). Así, tal e como xa se avanzara, a administración municipal e o COAG veñen de convocar un concurso de ideas seguindo a estela do levado adiante coa Avenida Castelao o ano pasado, o primeiro na Historia do consistorio.
O devandito concurso ten por obxecto seleccionar a proposta arquitectónica máis idónea para o deseño e construción do Parque Deportivo Inclusivo Porto do Molle, con elementos deseñados baixo os criterios de “accesibilidade universal”. A nova infraestrutura, como mínimo, deberá completar e integrar a actual pista de atletismo e a de skate; engadir un espazo cuberto (non necesariamente pechado) para practicar deportes federados como fútbol sala, balonmán ou baloncesto, unha bancada con capacidade mínima para 250 espectadores sentados, vestiarios, e un aparcadoiro na mesma parcela. Valóranse tamén pistas deportivas ou de lecer adicionais.
“Os 4,5 millóns de euros que Zona Franca tivo que abonar ao Concello polo aproveitamento da superficie empresarial serán reinvestidos neste espazo deportivo”, explica o alcalde de Nigrán, Juan González, que busca para este lugar un un deseño emblemático e innovador como foi no seu momento a Biblioteca, polo que aposta pola fórmula do concurso anónimo e con xurado baixo a supervisión do Colexio de Arquitectos de Galicia.
O concurso foi convocado en dúas fases, de ideas e anteproxectos. A primeira fase, de carácter pública, aberta e anónima, será a nivel de idea –de forma sinxela e inicial–, na que se seleccionarán cinco propostas, cuxos autores serán invitados a participar na segunda para desenvolvela como anteproxecto. Entre estes cinco finalistas elixirase ao gañador, que será adxudicatario do contrato de servizos de redacción do proxecto e dirección de obra polo importe de 206.264,31 euros. A maiores, este primeiro clasificado (proposta gañadora) está dotado con 12.100 €, o segundo con 7.500 €, o terceiro con 5.000, o primeiro accésit con  2.500 € e o segundo accésit con 2.500 €.
Os estudios de arquitectura interesados en concorrer poderán presentar as súas propostas no Rexistro do Concello de Nigrán ata o 24 de novembro ás 14:00 horas, ou ben remitir a documentación por correo certificado neste mesmo prazo. O concurso contará cun xurado composto por arquitectos designados polo COAG que proveñen da súa ‘bolsa de xurados’. Estes profesionais de prestixio en exercicio libre teñen participado e foron galardoados en diversas convocatorias, e son elixidos polo COAG de forma transparente por quenda e en función de súa especialidade. O nome darase a coñecer proximamente. Toda a información ao respecto do concurso está pendurada na sede electrónica do Concello de Nigrán e na plataforma de contratación pública de Galicia.
“Este novo espazo deportivo inclusivo porá fin as carencias de instalacións tanto para os diferentes clubs locais como para o IES Val Miñor, cuxa infraestrutura resulta totalmente insuficiente para as súas necesidades”, valora González e, neste sentido, sinala o paralelismo da adquisición por parte do Concello dos cines do centro comercial da Ramallosa ou a construción da nova biblioteca. “O municipio ten medrado exponencialmente e as infraestruturas deben ir acordes a este crecemento, por iso agora traballamos neste novo obxectivo para que o Pavillón de Panxón non sexa a única opción pública”, finaliza.

Publicacións Relacionadas