Está formada por unha vintena de paneis con fotografías de Xulio Gil e textos dos especialistas Álvaro Bonet e Xosé Ramón Iglesias, centrándose no legado en Nigrán do célebre arquitecto porriñés
O Concello de Nigrán culmina a celebración do ‘Ano Palacios’ (conmemorativo do 150 aniversario do nacemento do célebre arquitecto porriñés) estreando unha exposición inédita no Auditorio Municipal. Aberta xa ao público ata fin de ano, está formada por unha vintena de paneis con fotografías de Xulio Gil e textos dos especialistas Álvaro Bonet e Xosé Ramón Iglesias, centrándose especialmente no legado en Nigrán do célebre arquitecto porriñés, co Templo Votivo de Panxón á cabeza pero tamén co pequeno chalé do caricaturista Sileno en Praia América ou os recentemente descubertos debuxos en detalle da igrexa de Santiago de Parada. A mostra contextualiza a figura xa moi prestixiosa de Palacios (O Porriño, 1874 – Madrid, 1945) cando se lle encarga en 1931 o Templo Votivo do Mar, porque nese tempo estaba consagrado en Madrid grazas a edificios emblemáticos da capital como o Palacios de Telecomunicacións, o Banco de España ou o Hospital Maudes, e encadra o seu novo estilo en Panxón nun intento de crear unha estética rexionalista de carácter galego no eido arquitectónico.
“A calidade da exposición é altísima, tanto polas fotografías do gran Xulio Gil como pola información que se ofrece. Temos a sorte de contar en Nigrán cunha das obras máis fermosas da arquitectura do século XX en Galicia e, sen dúbida, a obra relixiosa máis representativa de Palacios, coñecido por ser o gran artífice do Madrid que coñecemos, por iso neste 2024 aproveitamos para promocionar o seu legado no municipio porque é tamén un reclamo turístico de calidade”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, en referencia a accións como o folleto alusivo presentado en xaneiro na Feira Internacional de Turismo, ao libro ‘O legado de Antonio Palacios en Nigrán’ editado en Outubro de 2023 polo Concello a través de Engaiolarte Editorial e escrito polo arquitecto Álvaro Bonet ou ás diferentes andainas temáticas organizadas ao respecto.