HomeVigoNigránO Concello de Nigrán dá un paso máis a prol da infancia co...

O Concello de Nigrán dá un paso máis a prol da infancia co programa socioeducativo de ateción integral ‘Achégate’

- Anuncio -spot_img

Menores de entre 6 e 17 anos derivados so Servicio de Educación e Apoio Familiar do Concello (SEAF) son atendidos semanalmente en grupos reducidos para recibir apoio académico emocional, ocio de calidade ou habilidades sociais e de autocoidado

O servizo foi adxudicado por 15.000 € a Aldeas Infantiles e desenvólvese desde o 1 de abril no CEIP Humberto Juanes tres tardes en semana. O obxectivo é que as crianzas implicadas superen determinadas situacións que supoñen unha fenda no seu dereito a gozar de igualdade de oportunidades

Se algo teñen en común todos os nenos e nenas, sexa cal sexa a súa condición, son os seus dereitos, e ‘Achégate’ nace, precisamente, desde o Concello de Nigrán para garantir que se cumplan”, sintetiza o alcalde

O Concello de Nigrán mantén o seu firme compromiso a prol da infancia con ‘Achégate’, un novo programa municipal destinado a garantir a igualdade de oportunidades entre as crianzas da localidade. Operativo xa desde o 1 de abril no CEIP Humberto Juanes durante tres tardes á semana, este consiste na atención psico-social e educativa de menores de 6 a 17 anos derivados do Servicio de Educación e Apoio Familiar do Concello (SEAF) dependente da Concellería de Servizos Sociais. O obxectivo é que os nenos e nenas implicadas superen determinadas situacións que, na práctica, supoñen unha fenda no seu dereito a gozar de igualdade de oportunidades. Atendidos por profesionais de ‘Aldeas Infantiles’ (a quen o Concello adxudicou o servizo por 15.000 € durante 1 ano natural) acuden durante 2 horas en grupos reducidos (máximo 8) e divididos por idades (de 6 a 12 anos e de 13 a 17), alí realizan as tarefas académicas ao tempo que un piscólogo e unha educadora o conxugan con atención a nivel psico-social.

“O noso obxectivo de ‘Un Nigrán para todos’ é que neste municipio ninguén quede fora, sexa cal sexa a súa situación, e para iso traballamos especialmente desde a infancia, para garantir a igualdade de oportunidades”, explica o alcalde, Juan González, quen recoñece un especial orgullo por ter levado adiante desde o Concello este programa ‘Achégate’ ou o Servizo de Atención Temperá iniciado no ano 2023, todos de mans de profesionais cualificados. “O título de ‘Ciudad Amiga de la Infancia’ outorgado por Unicef o ano pasado ao Concello de Nigrán responde, precisamente, ao recoñecemento das nosas políticas municipais para garantir que de verdade se protexen con especial mimo os dereitos da infancia”, subliña.

Así, os obxectivos xerais de ‘Achégate’ con respecto ás crianzas son: o fomento de hábitos sociais e da capacidade comunicativa, o desenvolvemento da intelixencia emocional (empatía, autoestima…), a disposición de ferramentas para a resolución de conflitos, o reforzo académico para previr o fracaso escolar e optimización dos resultados, a interiorización de hábitos de vida saudables (hixiene, alimentación, convivencia…), o fomento da a participación social ou a estimulación dun modelo de crianza con apego desde o apoio ás familias. Todo desde unha educación en valores que promove o respecto, a igualdade, a tolerancia ou o consumo responsable. A maiores, desde ‘Achégate’ ofrécense actividades de ocio de calidade e terapia psicolóxica individual.

“O que buscamos, en definitiva, é mellorar o grao de benestar psíquico e emocional dos menores e as súas familias porque moitas veces afrontan unha variedade de problemas que, na práctica, afectan á convivencia familiar e xeran dinánimas disfuncionais”, explica Bibiana Peixoto, concelleira de Servizos Sociais, quen indica que o número total de prazas é de 30 e serán cubertas na totalidade. “De momento non estamos ao 100% porque aínda estamos presentando o programa ás familias candidatas e seleccionando usuarios”, explica Peixoto, quen incide en que “en ningún caso isto é unha academia onde vir a facer deberes”, facendo fincapé na atención integral que reciben os menores precisamente pola situación particular que atravesa cada familia.

“Se algo teñen en común todos os nenos e nenas, sexa cal sexa a súa condición, son os seus dereitos, e ‘Achégate’ nace, precisamente, desde o Concello de Nigrán para garantir que se cumplan”, sintetiza o rexedor. 

Publicacións Relacionadas