A proba deportiva celebrarase o domingo 13 de xullo en Praia América
O Concello de Nigrán e o Club deportivo Tumetapersonal, en colaboración co centro comercial Nasas Nigrán e a firma deportiva Area, convocan un concurso de debuxo infantil para escoller o cartel oficial da XV edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o domingo 13 de xullo en Praia América.
O alcalde de Nigrán, Juan González; as concelleiras de Educación e Deportes, Ronsel Pérez e Sara Penedo, respectivamente; o xerente e a responsable de márketing do centro comercial Nasas Nigrán, Justiniano Diz e Lorena Pérez, e Beatriz Alvariño, da organización da travesía a nado, presentaron esta mañá o concurso no colexio CPI Arquitecto Palacios, en Panxón. Tamén asistiu o director do centro educativo, Antonio García Márquez.
O certame está dirixido a nenos de entre 9 e 13 anos dos centros escolares de Nigrán. O cartel deberá estar relacionado coa travesía a nado Costa Serena e nas obras deberán aparecer obrigatoriamente o areal de Praia América e un nadador/a. Os debuxos deberán presentarse en cartolina, tamaño DIN A4 e a cor. A técnica será libre.
A organización do concurso entregará premios aos tres primeiros clasificados. O gañador recibirá un vale de 100 euros para trocar en Decathlon Nigrán, unha mochila, unhas lentes e un gorro de Area e un diploma. Ademais, o debuxo gañador será o cartel oficial da XV edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán. O segundo clasificado obterá un diploma, unha mochila, unha toalla e un gorro de Area. O terceiro clasificado recibirá un diploma, unha mochila e un gorro de Area. Os tres premiados poderán participar este ano de forma gratuíta na travesía. Os premios entregaranse no mes de maio aos gañadores.
O prazo para presentar os debuxos nos colexios de Nigrán finalizará o 10 de abril. A organización contactará cos gañadores o 28 de abril para anunciar os resultados, que serán publicados na páxina web www.travesiaanadocostaserena.es.
O concurso infantil é unha das distintas actividades previstas para conmemorar a XV edición da Travesía a nado Costa Serena-Gran Premio Concello de Nigrán, que se celebrará o domingo 13 de xullo en Praia América cunha participación de 500 nadadores, entre nenos e adultos.

