O nigranés, tatuador de 25 anos titulado en Fotografía e Deseño, impúxose a outras 37 propostas chegadas de toda España para difundir a XIX edición do festival
“Estamos ante un certame no que se presentan os carteis de xeito anónimo, baixo un lema, así que foi unha sorpresa que gañase un mozo nigranés porque que recordemos, non gañou ningún veciño a lo menos nos últimos 10 anos, así que a alegría é dobre; Quin Alborés estaría moi orgulloso”, explican desde o festival
O Concello de Nigrán elixiu o cartaz de Álvaro Cedeira Pérez, presentado baixo o lema ‘Jazznoaire’, como gañador do concurso de carteis ‘Quin Alborés-Nigranjazz’, dotado cun premio de 700 €. A imaxe sinxela dunha trompeta sobre fondo azul e da que emerxe unha bandada de paxaros representará a XIX edición deste emblemático festival que cada verán ten lugar na Foz do Miñor, este ano o 18 e 19 de xullo. O certame, totalmente anónimo e que rende homenaxe desde o ano 2010 ao falecido artista nigranés Quin Alborés, gran amante do xénero e quen impulsou o evento desde o seu comezo deseñando os tres primeiros carteis, recaeu precisamente nun veciño de 25 anos que, coma Quin, ama as artes gráficas.
“Quería representar visualmente a esencia do jazz como linguaxe libre, emocional e evocadora, a través dunha metáfora sinxela e poética presento a música coma unha forza liberadora que conecta co espírito, coa natureza e co territorio”, explica Álvaro, titulado en fotografía e deseño pola Escola CIFP Audiovisual de Vigo e actualmente traballando como tatuador. “Debuxo desde que nacín, gústame moito, e querería adicarme profesionalmente as artes visuais. Este é o meu primeiro premio e estou moi emocionado de ter gañado”, explica Álvaro, quen nunca antes se presentara nin a este nin a ningún certame.
“Estamos ante un certame no que participan profesionais de toda España e ao que se presentan os carteis de xeito anónimo, baixo un lema, así que foi unha sorpresa que gañase un mozo nigranés porque que recordemos, non gañou ningún veciño a lo menos nos últimos 10 anos, así que a alegría é dobre; Quin Alborés estaría moi orgulloso de este relevo”, consideran Juan González, alcalde de Nigrán, e Felipe Villar, director do festival, ambos membros do Xurado xunto a dúas deseñadoras gráficas da comarca, a reponsable de comunicación do Concello e un irmán de Quin Alborés.
O cartaz bebe do estilismo dos anos 50-60 e, na deliberación final, impúxose a un segundo candidato finalista con estilo oposto. “O Xurado destaca a sinxeleza clásica da composición gañadora e o gran traballo tipográfico desenvolvido en cada apartado, o que confire ao conxunto unha harmonía perfecta entre a propia ilustración e a información sobre o festival, aspecto clave nun cartaz”, considerou o Xurado na súa acta, destacando que a elección “outorga un novo pulo ao certame”.

