O Concello de Nigrán entrega os premios do concurso de máscaras de entroido

adminON
Lectura mínima de 2

Participaron todos os centros de AFAGA con cadansúa máscara, quedando primeiro o de O Porriño, segundo o de Beiramar (Vigo) e terceiro o municipal de Nigrán

O Concello de Nigrán entregou esta mañá os premios do xa tradicional concurso de máscaras ‘AFAGA Alzheimer’ e no que competían os diferentes centros xestionados por esta entidade, entre eles o Centro de Enfermidades Neurodexenerativas do Concello de Nigrán, en Panxón. Así, os usuarios de cada centro realizaron conxuntamente cadansúa máscara para expoñer na entrada do Auditorio Municipal de Nigrán e que o público votase as súas tres favoritas. Os resultados foron: primeiro premio para o Centro Terapéutico de O Porriño (300 votos), con clara inspiración nas diferentes máscaras do entroido en Ourense; a segunda ao Centro de Día Beiramar -Vigo (267 votos), cun deseño plateado minimalista decorado con cunchas; e a terceira a do Centro Municipal de Enfermidades Neurodexenerativas de Panxón-Nigrán (107 votos), con aspecto de peixe. Todos os centros participantes (Martínez Garrido, Beiramar, O Porriño, Ponteareas, Salceda, Redondela, Chapela, Mos, Tui e Nigrán) recibiron cadanseu diploma esta mañá no Auditorio Municipal da man da concelleira de Maiores de Nigrán, María Mayán, e do presidente de AFAGA, Juan Carlos Rodríguez.

Comparte este artigo