Encádrase na iniciativa ‘Nigrán na memoria’ que engrosa o Arquivo Histórico Audiovisual do Concello e, neste caso, pretende contar a través desta veciña a realidade da emigración galega a Sudamérica
Carmen Rial marchou sola a Montevideo aos 19 anos, fixo na capital de Uruguai a súa vida e decidiu retornar a súa casa de Chandebrito o ano pasado, con 92 anos
“A Historia de Carmen á a Historia de miles de galegos que marcharon e que non perderon o amor a súa terra”, explica o alcalde, Juan González
O Concello de Nigrán estrea este domingo 12 de abril ás 19:00 horas na praza do lavadoiro de Chandebrito a curta documental ‘Carmen Rial Rodríguez. Historia dunha emigrante de Chandebrito’, encadrada na iniciativa municipal ‘Nigrán na memoria’ e que engrosará o Arquivo Histórico Audiovisual do municipio. Nesta ocasión, a camarógrafa miñorana Cris Grande entrevista a esta veciña de 92 anos que, transcorridos 73 anos da súa vida en Montevideo, decide en outubro de 2025 regresar a súa casa natal de Chandebrito coa idea de pechar na súa terra o seu periplo vital. O retorno supón inicialmente un bálsamo para Carmen, viúva e moi afectada pola morte tres anos atrás da súa única filla. Sen embargo, transcorridos os meses, as inseguridades e as incertezas medran nela porque, en definitiva, o seu corazón está dividido entre dúas patrias e en ningunha delas encontra o verdadeiro acougo.
“A Historia de Carmen á a Historia de miles de galegos que marcharon e que non perderon o amor a súa terra”, explica o alcalde, Juan González, quen insiste en que o obxectivo de gravar a Carmen é manter vivo o recordo da emigración no municipio. “A súa testemuña é común á gran maioría : emigraron porque a vida no rural na posguerra era verdadeiramente dura, con poucas perspectivas de futuro, e en Sudamérica sabían por outros veciños ou familiares que abondaba o traballo e, por tanto, había esperanza”, comenta.
Carmen tiña 19 anos cando decidiu emprender sola o camiño que antes tomara o seu pai e moitos outros veciños da parroquia e de todo o municipio. Ela era orfa de nai desde os 3 anos e desde os 11 anos vivía independentemente en Chandebrito contando coa axuda dos seus tíos. “Aquí tiven unha vida moi dura. A miña nai morreu nun parto, despois o meu pai volveu casar e pronto volveu enviuvar, despois el marchou… foi unha vida dura”, recorda. O día que emigrou, en 1953, quedou para sempre gravado na súa retina: “Moitas lágrimas de tristura e felicidade ao mesmo tempo, a xente nova saíu a acompañarme e cantaban polo camiño a copla de ‘Adios, mi España querida'”, rememora Carmen xunto a súa querida prima. “Aínda hoxe me parece que estou a vivir ese mesmo día, non se me borrou máis, e fíxate, agora acabamos a vida desta maneira, xuntas pero eu xa moi vella. Eu nunca lle dixen que non marchara, non era capaz, pero eu non quería que se fose, moito chorei ese día, hei morrer con esa pena”, di entre bágoas Rosa. Desde aquela pasaron 25 anos ata que Carmen puido regresar de vacacións e volver a ver a súa aldea, daquela aínda sen pavimento.
O certo é que a vida para Carmen mellorou moito en Montevideo, ao pouco de establecerse, a través de contactos doutros emigrantes, pronto conseguíu traballar nun laboratorio para despois casar cun compañeiro uruguaio e adicarse á crianza da súa filla. “Tiven moi boa vida alí, tiven todo, e teño uns netos e un xenro marabilloso, pero o que me falta é a miña filla”, di con tristura. “Cando ela morreu a casa caéuseme enriba e comecei a preguntarme que facía alí en Montevideo, sen ela, aínda sabedora de que todo o tiña alí. Así foi cando comecei a considerar o retorno e, a día de hoxe, xa aquí, non estou segura de nada”, confesa Carmen, que despois de todo, nuns días volverá a partir a Montevideo, quen sabe se definitivamente ou non.

