Home Vigo Nigrán O concello de Nigrán estrea este sábado tres documentais de relatos coa...

O concello de Nigrán estrea este sábado tres documentais de relatos coa campaneira de Parada, A muiñeira de Camos e a última redeira de Panxón

- Anuncio -

O CONCELLO DE NIGRÁN ESTREA ESTE SÁBADO TRES DOCUMENTAIS DE RELATOS COA CAMPANEIRA DE PARADA, A MUIÑEIRA DE CAMOS E A ÚLTIMA REDEIRA DE PANXÓN

Esther Nande, Rosa ‘De Malde’ e Rosalía González, tres veciñas con oficios case desaparecidos, protagonizan cadansúa curta, e pasará a engrosar o Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán

Seguiremos a documentar tradicións, oficios e costumes propias do municipio porque forman parte do noso patrimonio inmaterial e como administración local debemos preservalo”, explica o alcalde, Juan González

O Concello de Nigrán continúa a traballar para preservar o seu patrimonio etnográfico a través da veciñanza. Esta vez de mans de Esther Nande (campaneira de Parada, 69 anos, a única da comarca), Rosa ‘de Malde’ (muiñeira de Camos en activo, 89 anos) e Rosalía González (94 anos, a última redeira de Panxón). As tres mulleres, moi recoñecidas nas súas respectivas parroquias por practicar oficios case desaparecidos, protagonizarán sendas curtas documentais de relatos este sábado 25 de Marzo ás 20:00 no Auditorio Municipal de Nigrán. A entrada é de balde ata completar o aforo e a duración aproximada de cada peza é de 20 minutos. A iniciativa nace vinculada ao Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán, onde serán penduradas a continuación (www.arquivoaudiovisualnigran.org) e foron encargadas a ‘Cris Grande Fotografía e Vídeo’.

“Seguiremos a documentar tradicións, oficios e costumes propias do municipio porque forman parte do noso patrimonio inmaterial e como administración local debemos preservalo”, explica o alcalde, Juan González, en referencia tamén ao documental ‘A memoria da auga’, estreado a semana pasada en Chandebrito e que narra a actividade muiñeira desta parroquia.

Esther Nande, campaneira de Parada, abrirá a sesión de curtas este sábado. Compre destacar que o ano pasado a UNESCO declarou o toque manual de campás en España como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade e que, precisamente, ela e a única en activo do Val Miñor, comarca na que esta tarefa recaían tradicionalmente nos homes. “Levo 40 anos de oficio en Parada, empecei porque o meu fillo era sacristán e para que el non perdera cole. A señora Esperanza, que vivía fronte á Igrexa, foi a que me ensinou”, explica Nande no propio documental, onde amosa subida ao campanario algúns dos diferentes toques, como poden ser tocar a morto (distinguindo home ou muller), chamada á Misa, días de Pascua… “O único que eu nunca tiven que tocar é a morte dun recién nacido”, resume ao tempo que aclara que “non se toca igual en Parada que en Camos, que en San Pedro”, lugares todos onde as campás funcionan xa de modo automático e non manual. “É un oficio moi preso e hai que estar forte”, resume.

Pola súa banda, Rosa ‘De Malde’, de 89 anos, é a última muiñeira da parroquia de Camos, onde mantén vivo un dos muíños do río Táboas, situado no futuro parque forestal. “Moio desde os 9 anos, naqueles tempos era a única muller que o facía” e a día de hoxe o considera “unha diversión” pese ao esforzo que supón manter os regos limpos e o muíño a punto. “Moíamos millo, centeo, trigo e cebada, para os animais máis groso e para comer nos máis fino e peneirando para que non vaian cascullos”, adivirte Rosa ao tempo que o pon a funcionar. “Moita papiña de millo e leite da nosa vaca comemos, nesta casa nunca houbo fame grazas ao campo”, explica rememorando uns tempos no que a xente que lle pedía o favor de moer o seu propio millo a cambio lle axudaba nas labores do campo, tarefas que Rosa ‘De Malde’ confesa que sempre lle gustaron.

O terceiro documental en proxectarse será o de Rosalía González, de 94 anos, pertencente a unha gran familia mariñeira con ancestros que nin coñeceron os barcos a motor e quen representa á última xeración de redeiras de Panxón. “Empecei con 17 anos. Encantábame traballar na rede. Éramos só mulleres e íamos tamén a Baiona, Canido ou Saiáns, e todo andando”, indica mentras enumera os diferentes barcos e os seus patróns ou as diferentes artes de pesca que existían entón e para que servían. “Hoxe en día xa se ocupan os mesmos propietarios de atar as redes”, explica Rosalía, quen todavía recorda “o grande que era a Praia de Panxón”, onde se sentaba a traballar de 9:00 a 13:00 e de 15:00 a 19:00 e practicamente todo o tempo cantando. “Pasabamos moito frío e moito calor, era duro”, e esta dureza multiplicábase co seu home no Gran Sol durante meses e ela soa a cargo dos fillos. “Non estivo presente nos nacementos e cando chegaba a terra os críos lle escapaban porque non o coñecían”. Rosalía tivo que compaxinar o traballo de redeira con outros oficios, como mariscar longueirón e cadelucha en Panxón e croques en Lourido. “Despois da Guerra todo foi moi duro pero había moito peixe que nos salvou da fame, o comiamos á brasa porque nin para aceite tiñamos”, rememora.

Relacionadas

FEIRACO patrocina os VI Premios Stephen Hawking, que se entregarán este venres no IES...

0
Un total de 54 traballos aspiran a alzarse coa sexta edición deste premio, coordinado por Amparo Alonso Betanzos, catedrática de Ciencias da Computación e...

Sandra Bastos asiste na Estrada ao faladoiro do programa “Aquí faltan páxinas” centrado en...

0
A escritora estradense Avelina Valladares foi a protagonista, da man da xornalista e investigadora Laura Filloy, do cuarto faladoiro do programa “Aquí faltan páxinas”...

Luis López sinala as máis de 2.000 atencións a case 500 empresas do programa...

0
O presidente provincial foi o encargado de entregar un dos galardóns na décimo terceira Gala do Premio Joven Empresario e Iniciativa Empresarial organizada por...

O Concello de Redondela solicita á consellería do Medio Rural a xestión da biomasa

0
-O Concello de Redondela solicitou o pasado mes de marzo á Dirección Xeral de Defesa do Monte as inspeccións oportunas nas faixas secundarias de...

Récord de participación no X Trofeo de Baile Deportivo da Eurocidade

0
Celebrarase sábado e domingo no pavillón de deportes de Valença con máis de 400 persoas en competición en cada xornada. A Eurocidade confírmase coma...

A mocidade tomiñesa apúntase aos bailes de serán

0
A OMIX de Tomiño organiza un obradoiro no que aprender as primeiras nocións do baile popular galego A mocidade tomiñesa lánzase a bailar. A OMIX...

Publicacións Relacionadas