O alcalde achegou a súa visión nunha mesa redonda con outros tres homólogos de municipios de cadansúa provincia galega. A xornada foi organizada desde a Axencia Galega de Innovación
O rexedor puxo como exemplo de boas prácticas o Nigranbús, a cociña municipal, os boque-escola, o centro municipal para persoas con enfermidades neurodexenerativas…
O alcalde de Nigrán, Juan González, participou esta mañá en Santiago nas xornadas de transformación municipal organizadas desde a Axencia Galega de Innovación e inauguradas polo conselleiro de Educación e Ciencia, Román Rodríguez, e Alberto Varela, presidente da FEGAMP. O rexedor representou á provincia de Pontevedra nunha mesa redonda cos seus homólogos de Viveiro (Lugo), San Xoan de Río (Ourense), e Carballo (A Coruña).
O rexedor defendeu que moitas veces innovar consiste en atreverse a rachar con modelos establecidos ou incuestionables para, precisamente, incluír a todas as persoas e crear espazos máis amigables. Así, puxo como exemplo precisamente algunhas das políticas municipais que máis diferencian a Nigrán doutros municipios: “o feito de derribar os muros dun colexio para abrilo ao mundo que o rodea e crear así o bosque-escola de Vilariño; o feito de transformar un gran monte comunal asolado polos incendios de 2017 no primeiro parque forestal da comarca (‘Os Matos-Río Táboas); a construción dunha cociña municipal que da servizo aos colexios públicos de Nigrán para acabar co sistema tradicional de catering; a creación da liña intramunicipal Nigranbus que conecta todas as parroquias ou a disposición de electroliñeiras gratuítas que fomentan o uso de vehículos eléctricos…”. González insistíu na importancia de dar un paso adiante en políticas de inclusión e, nese sentido, destacou ‘Un Nigrán para todos’ (grupo de expertos en inclusión creado polo goberno local para recibir asesoramento en devanditos temas), a ‘Xeración Xa!’ (órgano municipal de participación infantil e xuvenil formado por crianzas e adolescentes de Nigrán) ou o centro municipal para persoas con enfermidades neurodexenerativas. “Innovar na política municipal tamén é ver cara ao exterior porque desde o local pódese, e débese, colaborar en iniciativas de cooperación exterior”, e nese sentido destacou que o Concello está moi preto de conquerir o compromiso marcado por lei de que as administracións adiquen antes do ano 2030 o 0,7% do seu orzamento a este fin (no 2025 consignáronse algo máis de 30.000 € a este fin).
“A innovación ten que que ter como fin conquerir a mellora dos servizos públicos, a modernización das administracións municipais e a xerazón dun impacto sostible no territorio, iso é o que debemos ter sempre presente”, concluíu.



