A firma de moda inclusiva suma durante todo o verán unha tenda neste mercardo multicultural do paseo de Praia América-Lourido con apertura de 11:00 a 15:00 horas
Recentemente, Concello e Nasas-Nigrán comunicaron tamén a cesión dun espazo neste futuro Centro Comercial en Porto do Molle
O Concello de Nigrán ven de facilitar ao CEE Juan María de Parada un espazo de venda para a firma de moda inclusiva Juanmariabylolola no mercado multicultural de Praia América, tal e como ven facendo cada ano grazas tamén á colaboración de René de la Jara, xestor do mercado. Esta foi inaugurada onte polo alcalde, Juan González, e a concelleira de Servizos Sociais, Bibiana Fernández, e estará aberta durante todo o verán de 11:00 a 15:00 horas. Precisamente, o mes pasado, o rexedor e o director xeral de Lopez Real 21, promotores do parque comercial ‘Nasas Nigrán’ en Porto do Molle, José Antonio García, comunicaron oficialmente a este centro de Educación Especial de Nigrán o acordo para ceder tamén un local comercial á firma.
O proxecto de formación dual nado no 2019 froito da colaboración entre a deseñadora Lola Rande e o Centro de Educación Especial ven de gañar un dos premios á “Excelencia en la Inclusión Laboral y la Prevención de Riesgos Laborales de las Personas con Discapacidad’, da Fundación Alares.
“A marca JuanmariaByLolola é a mellor embaixadora do ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír, por iso desde o Concello consideramos prioritario que contasen co seu punto de venda en Praia América-Lourido, no paseo por excelencia de Nigrán”, sinala González, quen agradece a René de la Jara, responsable do mercado, a súa absoluta disposición e colaboración ao respecto, “facilitándolles incluso a montaxe”.