Cunha discapacidade visual do 80 %, Nande é un referente nacional na doma clásica e a doma paraolímpica
O Concello de Nigrán felicita publicamente ao xinete Alejandro Nande tras ser recoñecido como deportista galego de alto nivel pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. O deportista nigranés fundador do centro ecuestre Cearán (con sede no Ceán), ten unha discapacidade visual do 80% e conta con numerosos premios tanto na doma paraolímpica como na doma clásica.
“É unha honra para Nigrán contar cun deportista de elite que leva o nome do municipio por todo o país e que, en si mesmo, é un absoluto exemplo de superación, constancia e disciplina”, considera o alcalde, Juan González, quen desde o Concello xa recoñecera oficialmente a súa traxectoria ao outorgarlle a máxima distinción nos Premios do Deporte de Nigrán.
Este derradeiro recoñecemento vén determinado polos resultados deportivos, número de participantes nas probas e grao de participación da persoa solicitante, clasificacións, proxección, nivel deportivo, expectativas de progreso e interese para o deporte galego, estatal e internacional.
Nacido no ano 1979 en Nigrán, Nande foi desde pequeno un gran apaixonado do mundo do cabalo e construíu a súa vida persoal e profesional en torno a el, a pesares de contar cunha discapacidade visual do 80%. A maiores de ser adestrador de amazonas e xinetes desenvolveu a súa propia traxectoria deportiva ao longo destes anos, conseguindo amplos logros, tanto en competición de doma paralímpica como na doma clásica.
No ano 2023 retomou a competición oficial, despois dun par de anos afastado que aproveitou para centrarse na doma de cabalos e no adestramento doutros deportistas. Sen dúbida empezou con forza, conseguindo alzarse como campión de España na súa categoría en doma paraolímpica. Doutra banda, neste mesmo mes, a Federación Hípica Española publicou o Programa Deportivo de Doma Paraolímpica para o ano 2024, desvelando as amazonas e xinetas que formarán parte do grupo de rendemento e entre os que figura Nande (devandito grupo é configurado pola Federación Hípica Española atendendo aos resultados pasados e presentes, ao potencial, á situación e ao nivel técnico).

