A Praza da Biblioteca acollerá durante todo o día unha feira protagonizada polas dúas librerías do municipio, Piño e Paraísos de Papel, e coa presenza dunha ducia de autores para asinar exemplares
Desenvolveranse diversas tertulias e a partir das 17:00 horas tocará o grupo Sálvora. A música continúa ás 20:00 horas con Sumrrá no Auditorio Municipal
O Concello de Nigrán celebrará este sábado 26 de abril o ‘Día do Libro’ cunha gran xornada festiva de 11:00 a 20:00 horas na recentemente remodelada Praza da Biblioteca, coñecida como Praza de Fornes. O lugar será a sede durante todo o día dunha feira na que terán un especial protagonismo os autores da comarca grazas as dúas librerías do municipio: ‘Paraísos de Papel’ e ‘Piño’. Así, nos stands de ambos establecementos estarán presentes unha ducia de escritores para asinar os seus exemplares. No de ‘Paraísos de Papel’ asinarán Pedro Feijóo, Mav Alonso, Pedro Rodríguez Villar, Petra Bienvenido, Noelia Álvarez e Paco Dicenta, Reka Refojos e Samuel Ferro; no de Piño, asinarán Teresa Chamorro, David Gago, Raquel Fernández, Javier Regueira, Mayte Corbillón ‘Pluma de tojo’ e Cristina Salgado.
Nesta terceira feira do libro organizada novamente grazas a colaboración da Asociación Galega de Escritores (AGER) terá lugar ás 11:00 horas na propia Biblioteca (coincidindo co inicio da feira) unha tertulia literaria arredor da obra xaponesa ‘Los misterios de la taberna Kamogawa’, de Hisashi Kashiwai. Xa pola tarde, na mesma sala, ás 16:00 horas desenvolverase unha conversa arredor do xénero do thriller no que participarán boa parte dos escritores mencionados. A continuación, ás 18:00 horas, a tertulia xirará en torno a escritura independente nas Rías Baixas.
Como complemento, ás 17:00 horas, na Praza da Biblioteca onde estará a feira durante todo o día, o grupo Sálvora ofrecerá un concerto coas súas versións de rock. A música continuará ás 20:00 horas no Auditorio Municipal coa actuación do mítico grupo santiagués de jazz Sumrrá.