As representacións continúan o mes de novembro a través da programación organizada por Teatro do Ar no Auditorio Municipal
O Concello de Nigrán finaliza este sábado 25 de outubro a programación especial de ‘Fegateatro’ coa comedia ‘María Castaña’ de Avelaíña Teatro (Mourente) ás 20:00 horas no Auditorio Municipal. O autor é Manuel Ayán e o director Antón Lamapereira. A entrada é de balde ata completar aforo.
Existiu realmente María Castaña? É unha personificación fabulada? Falamos dunha figura á que os ‘Señores da Historia’ lle negaron o relato, o tempo e a patria e desterrárona ao espazo borroso dos contos para durmir. A roda do esquecemento foille pousando encima o seu po a esta muller galega e insubmisa. Avelaíña Teatro presenta unha hipótese verosímil do desencontro de María Castaña co bispo don Pedro López de Aguiar: “Na Alta Idade Media a cidade de Lugo está na decadencia. O bispo proponse recuperala mediante a construción da catedral, conforme ao espírito anovador da época. A presión fiscal e a situación de crise económica, política e ideolóxica son factores que propician a rebeldía de María Castaña, vasala do bispo e matriarca da tribo dos guímaros.
Tras este ciclo de Fegateatro impulsado polo Concello de Nigrán, o teatro continúa no Auditorio Municipal o mes que ven en colaboración con Teatro do Ar e Fegatea, o que suporá catro representacións os días 2, 8, 9 e 16 de novembro.
—