Un cento de veciños, xunto a Alcalde e Corporación, protagonizaron a concentración ante a Casa Consistorial , onde as bandeiras ondean a media hasta
Un cento de veciños e veciñas de Nigrán, xunto ao alcalde e demais corporación municipal, protagonizaron esta mañá (10:00 horas) a concentración e minuto de silencio convocada polo Concello de Nigrán en homenaxe á Beatriz Lijo Gesteira, asasinada onte en Baiona presuntamente pola súa ex-parella. Ante a fachada da Casa Consistorial, e coas bandeiras ondeando a media hasta en sinal de loito, a concelleira de Igualdade, Patricia Diego, pronunciou unhas breves palabras antes de comezar o minuto de silencio. “Estamos aquí para recordar a Beatriz e para acompañar e transmitir a nosa dor a súa familia e achegados”, sinalou Diego, quen condenou a violencia machista e apostou pola educación como base para erradicala da nosa sociedade. A continuación, gardouse un sepulcral minuto de silencio roto ao final por un longo e emocionado aplauso dos asistentes.



